O BNG pide no Parlamento a denegación da Autorización Ambiental a ENCE por ser contraria á lei

Instalacións de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

O BNG vén de presentar no Parlamento galego un conxunto de iniciativas para esixirlle á Xunta o cumprimento, en relación con ENCE, da normativa en materia de urbanismo e ordenación do territorio e en materia de vertedura de augas residuais e emisión industriais. A formación sinala que non se pode autorizar a continuidade deste complexo industrial en Lourizán nin aprobar a prórroga da autorización ambiental integrada por contravir, entre outras normas, as Directrices de Ordenacion do Territorio (DOT) e o Plan de Ordenación do Litoral (POL).

O BNG sinala que a prórroga concedida á planta contravén as Directrices de Ordenacion do Territorio, o Plan de Ordenación do Litoral e as normas sobre augas residuais e emisións industriais

Subliña que estas determinacións urbanísticas e de ordenación territorial "prevén expresamente o traslado do complexo fabril no horizonte temporal do 2018". En concreto, na disposición adicional 3ª do Plan de Ordenación do Litoral aprobado dise: "no espazo actualmente ocupado polas instalacións da empresa Ence situadas en Lourizán, na ría de Pontevedra, prevese un ámbito de recualificación sobre a Área de Mellora Ambiental e Paisaxística. O obxecto desta área é o da recuperación do espazo que quedará vacante coa materialización do traslado destas instalacións a outra localización dentro da propia bisbarra de Pontevedra no horizonte do ano 2018".

Ademais, as iniciativas presentadas polo BNG lembran que "segundo se deriva das análises e informes realizados polo Concello de Pontevedra, as verteduras de augas residuais de ENCE incumpren a Directiva europea 91/271/CE sobre tratamento de augas residuais e a Lei 9/2010 de augas de Galicia". "Co agravante de que a autorización de verteduras faise conxuntamente para as augas residuais urbanas tratadas na EDAR dos Praceres e as de orixe industrial de ENCE", engade.

"As verteduras de augas residuais de ENCE incumpren a Directiva europea 91/271/CE. Co agravante de que a autorización faise conxuntamente para as augas residuais urbanas tratadas na EDAR dos Praceres e as de orixe industrial de ENCE"

O BNG rexeita, en consecuencia, "a prórroga da autorización ambiental integrada a ENCE polo incumprimento da normativa sectorial e das determinacións das DOT e do POL”. E demanda "dar cumprimento ao establecido nas Directrices de Ordenación do Territorio e no Plan de Ordenación do Litoral a respecto dos terreos de dominio público que ocupa a industria contaminante ENCE nas marismas de Lourizán". "Recuperarase a calidade ambiental e paisaxística, contribuirase a dotar de equipamentos e espazos libres de calidade o agregado urbano no que se insire, evitando parámetros de ocupación e intensidade incompatibles coa capacidade de carga do territorio e os valores ambientais, paisaxísticos e patrimoniais propios do litoral", engade, citando o propio texto do Plan de Ordenación do Litoral.

Finalmente, esixe "o cumprimento por parte de ENCE da normativa galega e europea sobre verteduras de augas residuais e sobre emisións industriais", incidindo sobre todo na vertedura de augas residuais de ENCE através da EDAR dos Praceres e do emisario submarino.

 

Alegacións do Concello

Esta mesma semana o Concello de Pontevedra remitiulle á Xunta o informe/alegacións co que formula o seu rexeitamento á prórroga da autorización ambiental integrada

Esta mesma semana o Concello de Pontevedra remitiulle á Xunta o informe/alegacións co que formula o seu rexeitamento á prórroga da autorización ambiental integrada (AAI) do Grupo Ence. A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, lembrou que o Concello ten presentado recurso contencioso contra a resolución de caducidade parcial dos terreos e tamén contra a concesión da prórroga de Ence, ademais de ter formulado alegacións urbanísticas e ambientais de alcance que deixarían fóra da legalidade ao complexo industrial de Lourizán. Nas súas alegacións á prórroga. o Concello rexeita a tramitación da revisión da Avaliación Ambiental Integrada do Grupo ENCE por estimar que o título concesional outorgado en materia de costas atópase caducado na súa totalidade.

Subliña, igualmente, o seu rexeitamento a que "a autorización de verteduras, a través do emisario carente de titulo concesional, se faga conxuntamente para as augas residuais urbanas depuradas e as de orixe industrial de ENCE". E esixe, ao igual que o BNG, a aplicación da Directiva 91/271/CE sobre tratamento das aguas residuais urbanas, ao verter a través dunha instalación de tratamento de aguas residuais urbanas.

O Concello ten presentado recurso contencioso contra a resolución de caducidade parcial dos terreos e tamén contra a concesión da prórroga de Ence, ademais de ter formulado alegacións urbanísticas e ambientais

Tamén lembra que a tramitación da revisión e calquera variación nas instalacións e no proceso produtivo do complexo "estará condicionada polas determinacións urbanísticas e de ordenación territorial das que para a zona se plasman nas Directrices de Ordenación do Territorio e no Plan de Ordenación do Litoral".

 

Resposta de ENCE

Segundo ENCE, a planta "cumpre todos os parámetros esixidos pola Autorización Ambiental Integrada", en base ao informe de inspección elaborado pola Consellaría

ENCE apresurouse a responder ás críticas formuladas polo Concello de Pontevedra esta semana, e este mesmo xoves afirmou que, segundo a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta, a planta "cumpre todos os parámetros esixidos pola Autorización Ambiental Integrada (AAI)", en base ao informe de inspección elaborado pola Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio dentro do programa de inspección ambiental 2016.

Instalacións de Ence-Elnosa na ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.