O BNG pide respostas desde os concellos "para combater a exclusión social"

Xavier Vence, xunto a mariñeiros en Bueu © BNG

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, pediu “estabelecer liñas de resposta heteroxéneas desde os concellos para combater a exclusión social" tal e como, segundo di, fai o Bloque nos concellos onde goberna, "sendo conscientes dos momentos de grave necesidade que padecen moitas familias galegas”. O lídero da fronte fixo estas declaracioóns durante o encontro municipal que en Bueu analizou a situación de exclusión social e relevancia dos servizos sociais nun momento de grave crise económica.

"O PP usa a crise para impor un modelo social que condena milleiros de galegos á exclusión social", di Vence

Para o portavoz do BNG, “é cuestión de vontade política" cambiar esta situación e por iso tamén é tan importante que "se produzan encontros deste tipo que propician a socialización da política alternativa do BNG que se leva a cabo desde os concellos". "Cada experiencia municipal suma e achega valor engadido porque non nos quedamos só na denuncia social, senón que estabelecemos as vías necesarias e as medidas oportunas ao propor as nosas alternativas para paliar os efectos nocivos da política antisocial que xeran os gobernos neoliberais da Xunta de Galiza e o Goberno do Estado”, asegura Vence, que cre que os populares "usan a crise económica para impor un modelo social que condena a milleiros de familias galegas á exclusión social".

"No BNG estamos seguros de que isto se pode combater e por iso se fai tan necesario ter a vontade política para estabelecer políticas sociais de corte transversal", reivindica, antes de advertir de que "poden vir tempos peores" e de que "hai que estar preparados para dar resposta aos problemas de marxinación social". "Cada día danse casos dunha extrema violencia social, coma os desafiuzamentos, e os concellos teñen a obriga de estar ao lado dos seus veciños e veciñas en problemas", manifesta Vence, que engade que o Bloque rexeita "frontalmente o proxecto de reforma da administración local do PP, que o único que persegue é un baleirado de competencias para volver a unha recentralización do sistema, o que terá gravísimas consecuencias ao afastar das persoas, deshumanizando, as institucións”.

Xavier Vence, xunto a mariñeiros en Bueu © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.