O BNG pide "xa" a investigación sobre as caixas porque Feijóo "ten moito que esconder"

Reunión dun Consello Nacional do BNG © BNG

O BNG cargou este sábado contra a política “letal” da Xunta de Núñez Feijóo e instou ao “autogoberno e a soberanía”, fronte á “insensata, antidemocrática e inmoral” política do PP á fronte do Goberno galego. “É un círculo vicioso infernal”, asegurou o voceiro nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, durante a súa intervención no Consello Nacional. "O Goberno de Feijóo ten que ser substituído e canto antes, mellor", dixo.

Vázquez insistiu unha vez máis en que Galicia "está en estado de auténtica emerxencia nacional" como "consecuencia" da actuación dos gobernos do PP no Estado e na Xunta, con recortes de dereitos coa reforma laboral, redución de gasto e educación, subida do IVE e pago de medicamentos. Ademais, reprochoulle a Feijóo que non se poña colorado “ao anunciar a construción de quince centros de saúde que xa anunciara hai tres anos”. "É capaz, sen porse colorado, iso é o importante, non porse colorado, de volver anunciar a construción de 15 centros de saúde, eses mesmos centros de saúde que xa anunciou hai tres anos e non construíu", remarcou.

"Feijóo nin se pon colorado ao anunciar a construción de quince centros de saúde que xa prometera hai tres anos"

O voceiro nacional do BNG estivo secundado polo candidato á Xunta, Francisco Jorquera; a portavoz parlamentaria, Ana Pontón; a secretaria de Organización, Montse Prado; ademais doutros cargos como o ex secretario xeral do UPG e o novo líder deste partido, Francisco Rodríguez e Néstor Rego.

Guillerme Vázquez tamén acusou a Rajoy de “non salvar o pobo galego do espolio que non cesa”, ao referirse ao acordo da UE para recapitalizar de forma directa a banca. “Non sei se salvaron o euro”, asegurou o voceiro nacional, que si cre que o PP "demostrou en menos de seis meses que é máis falso que unha moeda de cinco euros".

Por todo iso, o Bloque chamou a rebelarse contra a doutrina seguida polo Executivo Rajoy de "salvar o euro, aínda que o euro acabe afogándonos a todos nós".

Ademais, tamén cargou contra Feijóo pola xestión “de traca” que, segundo Guillerme Vázquez, fixo do aforro financeiro galego, abocado “ao espolio”. Acusouno de “non reaccionar” ante o “escándalo das xubilacións millonarias de directivos” e recriminoulle que agora “renegue publicamente dos mesmos directivos” cos que se vinculaba non hai moito e que agora están investigados pola Audiencia Nacional.

"Feijóo renega agora publicamente dos mesmos directivas das caixas cos que se vinculou tanto tempo"

Así, Vázquez esixiu “xa” unha comisión de investigación sobre as caixas que “non se debe demorar”, ademais de insistir en demandar unha banca pública galega e lembrar “o escándalo” das preferentes, que mantén milleiros de galego como afectados. "A oposición a esta comisión de investigación só ten unha explicación, é que o señor Feijóo e o PP ten moito, moito, que esconder", reprochou.

Guillerme Vázquez tamén se referiu ao "novo formato" do Consello Nacional, que até o de agora se celebrou de forma regular nun hotel de Teo, e que este sábado tivo lugar na sede central do BNG en Santiago de Compostela. Así mesmo, este sábado abordouse o "recoñecemento" de dous novos partidos no seo do BNG, como son o Movemento Galego ao Socialismo e Abrente-Esquerda Democrática Galega.

Do mesmo xeito, recoñeceu "o sobreesforzo" de todos os afiliados do BNG, e emprazou á participación na manifestación do Día da Patria, do 25 de xullo, baixo a lema: Rescata os teus dereitos. En Bloque Podemos, e que espera teña un seguimento "masivo". "Estamos a traballar moito e ben, pero tamén é certo que temos que traballar máis e mellor porque a situación requíreo", defendeu Vázquez.

 

"Marina Castaño foi xenerosamente regada con cartos públicos"

Pero ademais, Guillerme Vázquez censurou o “esperpéntico” dunha Xunta que "empezou no Desván de los Monjes --en alusión ás palabras do ex conselleiro de Cultura, Roberto Varela-- "e que agora xa ve como a señora Marina Castaño é acusada de malversar fondos da Fundación Cela, xenerosamente regada con diñeiro público, antes e agora, polo PP".

Asegurouno despois de que a Fiscalía de Santiago de Compostela interpuxese unha denuncia contra Mariña Castaño, viúva de Camilo José Cela, e contra o ex xerente da fundación que leva o nome do premio Nobel de Literatura, Tomás Cavanna Benet, por un suposto delito de malversación de caudais públicos, por mor dunha querela formulada por unha veciña de Padrón onde ten a súa sede a entidade cultural.

Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.