O BNG propón un novo modelo de financiamento municipal para corrixir o déficit dos concellos

A voceira do BNG, Ana Pontón, nun encontro con alcaldes e representantes municipais da formación CC-BY-NC-SA BNG

O BNG propón aplicar un novo modelo de financiamento que acabe co "déficit" dos concellos, que "cada vez prestan máis servizos propios ou impropios, pero sen recibir os recursos suficientes". O novo enfoque sería, segundo a voceira da formación e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, "un concerto económico", no que Galicia recadaría todos os recursos e faría "unha distribución en función da realidade dos concellos".

A formación impulsará, se goberna, "un concerto económico" no que Galicia recade todos os fondos e os distribúa "en función da realidade dos concellos"

Pontón, que se reuniu con alcaldes, alcaldesas e responsables de gobernos municipais do BNG, considerou prioritario poñerlle fin á "discriminación que soportan os concellos galegos na distribución dos fondos que chegan desde o Estado". Reciben, dixo, 50 euros menos por habitante que a media estatal para xestionar os servizos.

Representantes municipais do BNG reunidos coa voceira nacional, Ana Pontón CC-BY-NC-SA BNG

A voceira destacou que o "bo goberno" do que son "exemplo" os concellos do BNG é unha garantía de que a formación nacionalista está preparada para liderar a Xunta. "Nos concellos demostramos a experiencia acumulada de gobernos transformadores", manifestou e agregou que isto é "un aval tamén para pedir a confianza dos e das galegas".

A experiencia e o "bo goberno" nos concellos son un "aval" para presentarse á Presidencia da Xunta

Nos gobernos municipais, que "innovan, confían na capacidade do país e poñen sobre a mesa medidas alternativas", o BNG "ten un equipo de persoas con solvencia, capacidade de xestión, honestidade e rigor para gobernar desde a humildade", afirmou Pontón, que indicou que así é como quere dirixir a Xunta.

"Isto é o que lles ofrecemos aos galegos o 5 de abril: unha experiencia e un capital acumulados, que estamos preparados para gobernar, para que Galicia sexa gobernada desde Galicia", concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.