O BNG 'racha' as facturas de Fenosa: "Non nos chegan as desculpas, queremos sancións"

Acto de protesta do BNG contra Fenosa © BNG

Nun acto simbólico de protesta, o BNG rachou hoxe facturas de Fenosa na súa sede en Santiago. Fíxoo para denunciar o que considera "abusos e impunidade" desta compañía na prestación de servizo durante o temporal da pasada semana, así como a "complicidade" da Xunta por "permitir incumprir a lei sen consecuencias".

“Fenosa crese a raíña do mambo, vímolo estes día no que millón de galegos e galegas soportaron cortes de luz ata cinco días, e iso non é unha consecuencia do temporal senón do feito de que non cumpre a lei que obriga a ter as liñas en bo estado”, denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón. "Cóbrannos dúas veces, unha a través dun imposto que vai na factura para o mantemento das infraestruturas e outra a través das subvencións que recibe das Administracións publicas”, lembrou. 

"Non nos chega con que Fenosa poña anuncios desculpándose, queremos que haxa sancións", di Pontón

“Estamos ante un abuso máis das eléctricas por unha lexislación que non protexe os consumidores, senón que está feita á medidas das empresas, que obteñen beneficios de escándalo”, denunciou o Bloque, que propuxo "sancións exemplares" á eléctrica e reclamou que o Goberno vele por que se cumpra a lei "e non se ofreza un servizo de terceira categría". "Non nos chega con que Fenosa poña anuncios desculpándose, queremos que haxa sancións, que cumpran con este país e poñerlle fin aos privilexios das eléctricas e ao espolio dos nosos recursos naturais”, insistiu. 

Precisamente, este mesmo xoves Gas Natural Fenosa publicou resultados do pasado ano 2016, nos que gañou 1.347 millóns de euros. Malia á redución dun 10% nos beneficios a compañía afirma que as cifras do pasado exercicio amosan a "fortaleza do seu modelo de negocio".

Ademais, Pontón acusa a Xunta, de quen considera que ten responsabilidades directas. Por iso, pídelle que non se limite a abrir expedientes, senón que sancione e obrigue a empresa a pagar polos danos causados e habilitar compensacións polas perdas. “Feijóo cando estaba na oposición reclamaba axudas e agora que está no Goberno deixa a xente tirada”, lamentou. Pero este mesmo mércores, o presidente da Xunta minimizou os apagóns deste último temporal comparados cos do bipartito. "Cando gobernaban vostedes, eran 500.000 os puntos de subministro afectados", chegou a dicir no pleno do Parlamento. 

Alén disto, o BNG propón "un debate de fondo" sobre o prezo da luz nun país "que é produtor a esgalla de enerxía eléctrica sen obter ningún beneficio nin para empresas, nin para familias". “Non nos vale que o ministro diga que temos que acostumarnos a pagar a luz máis cara, non nos vale que a a alternativa de Rajoy sexa enchufar a Fernández de Mesa en Rede Eléctrica usando as portas xiratorias e non nos vale que Feijóo sexa o principal tapón para que teñamos unha tarifa eléctrica galega que suporía un aforro extraordinario na factura eléctrica”, indicou Pontón, que esixiu unha tarifa eléctrica galega para abaratar a factura e baixar o IVE do 21% ao 4%. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.