O BNG rebélase e non participará no debate sobre a redución de deputados

Guillerme Vázuez e Ana Pontón, durante a rolda de prensa © BNG

O BNG rebélase. A formación nacionalista vén de anunciar este mércores que non participará no "debate falso" sobre a redución de deputados no Parlamento galego e pola que o PP e a Xunta pretenden eliminar 14 deputados, pasando a Cámara dos 75 actuais aos 61. Así, o Bloque asegurou que non estará "nin por activa nin por pasiva" en conversa ningunha. Ademais, advirten de que iso inclúe non participar no pleno se ao final a medida se debate nel. "É unha fraude electoral e un epílogo indigno do peor presidente da historia galega", sentenciou o voceiro nacional, Guillerme Vázquez.

O BNG insta a sociedade a rebelarse contra "a fraude electoral" que pretende o PP

Tanto Guillerme Vázquez como a portavoz parlamentaria, Ana Pontón, confirmaron esta decisión que será trasladada tamén ao PPdeG en resposta ao correo electrónico que o popular Pedro Puy remitiu aos seus homólogos na Cámara galega para facer chegar a proposta de reforma da Lei electoral, que unicamente implica esta redución, mentres mantén o fixo de 10 parlamentarios por provincia e teima na redución da pluralidade e no aumento das dificultades para obter representación parlamentaria por parte dos partidos minoritarios.

Do mesmo xeito, o BNG cre que é a hora de que a sociedade en xeral se una na loita contra o que cualifican de "fraude electoral". Así, instan ás asociacións e axentes sociais e ao pobo en xeral a que manifesten a súa opinión para "impedir que se consome" o que o Bloque considera "un golpe de estado"."É tráxicoque Feijóo pase á historia como un presidente indigno que quixo manterse no poder a calquera prezo e custe o que custe", rematou Guillerme Vázquez.

Guillerme Vázuez e Ana Pontón, durante a rolda de prensa © BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.