O BNG reclama que a Xunta non lle aplique a suba do IVE á cultura

Ana Pontón, vicevoceira do BNG na Cámara CC-BY-NC-SA BNG

Que en Galicia quede sen efecto a suba do IVE para os produtos da cultura. É a intención da proposición non de lei que vén de rexistrar no Parlamento a vicevoceira do BNG, Ana Pontón, en cuxa opinión a Xunta debe adoptar de inmediato "medidas para paliar o grave impacto que xa está a ter no sector da cultura do país" este incremento tributario, do 8% ao 21%, decidido polo Goberno central.

A xuízo da nacionalista esta medida é "inxusta e regresiva" e, ademais de poñer en serias dificultades o sector, "dificulta o dereito das persoas a accederen á cultura". Neste contexto, Pontón reclamará que "o Goberno galego inste o central a rectificar" e, "mentres, a non aplicar a suba no territorio galego".

A suba do IVE "supón o golpe de graza" para o sector, asegura Ana Pontón

Sinala a parlamentaria do Bloque que "o incremento de máis dun 200% deste imposto" supón o "golpe de graza" para as persoas e empresas que se dedican á cultura en Galicia, un sector "que xa está a atravesar un momento moi delicado". A maior carga tributaria, di, "vai provocar a destrución de emprego e maior precariedade", algo que xa están a "denunciar os propios afectados".

Neste escenario Pontón rexeita que o acceso á cultura sexa "un luxo" ou "un privilexio", xa que a propia Declaración Universal dos Dereitos Humanos, lembra, recolle que "é obriga do goberno amparar, protexer e promover o tecido cultural e o acceso ao mesmo de todos os cidadáns". "É preciso facer presión institucional e política a fin de conseguir modificar unha medida errada e inxusta, que está tendo consecuencias negativas en todos os ámbitos da actividade económica e do punto de vista social", conclúe.

Ana Pontón, vicevoceira do BNG na Cámara CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.