O BNG reclamará este 6D a "soberanía" de Galicia cunha "manifestacion virtual"

Despregamento da bandeira que presidiu a marcha CC-BY-SA Merixo

O BNG celebrará este xoves un acto simbólico para manifestar que "esta Constitución non nos representa" e reivindicar "a soberanía de Galiza" e que nesta xornada "non temos nada que celebrar". O Bloque convocou ás 11.30 horas un acto na Alameda de Santiago de Compostela no que o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, fará unha intervención na que porá de manifesto "a necesidade de reivindicarmos nunha data como a de mañá a nosa soberanía como nación galega". Será na escalinata de acceso ao campus sur que descende dende a Alameda e asistirán cargos orgánicos e institucionais, así como militantes e simpatizantes.

O BNG celebrará unha manifestación virtual empregando en twitter o hashtag #soberaníaGZ

O BNG acompañará esta iniciativa dunha manifestación virtual na que se trata de expresar nas redes sociais con distintas ferramentas esas mesmas ideas, empregando en twitter o hashtag #soberaníaGZ. Neste senso, o Bloque anima a todas as persoas que queiran participar nesta manifestación a que utilicen todas as ferramentas e formatos (escritos, gráficos, audiovisuais, etc) ao seu dispor para manifestaren a mesma idea.

Na Coruña o BNG converterá a praza da Constitución (Cidade Vella) na praza da Autodeterminación

Na Coruña o BNG súmase ao acto que convoca Galiza Nova con motivo do 6 de decembro e convida o pobo a dicir "si á autodeterminación, porque esta constitución non nos representa". A partir das 17 horas a praza da Constitución (Cidade Vella) converterase na praza da Autodeterminación nun ambiente festivo-reivindicativo no que Xurxo Souto porá a música. Ademais, Galiza Nova fará entrega dos DNI galegos (que pode solicitarse na web www.dnigalego.com). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.