O BNG recupera o Día da Patria cun berro contra a "resignación"

Vista xeral da Quintana CC-BY-NC-SA BNG

Entre as múltiples cousas que conxelou a traxedia ferroviaria de Angrois estiveron os actos do Día da Patria. Por primeira vez dende o seu nacemento o BNG non saíu ás rúas de Compostela o 25 de xullo para manifestarse e culminar cun gran acto político. Este 15 de setembro o ceo e a temperatura da capital galega vestiron de xullo para acompañar a reformulada marcha dun Bloque que fai piña para procurar deixar atrás a xeira de duras tensións internas e reveses electorais. A formación frontista desenrolou as bandeiras e pancartas gardadas en xullo para, con aire de festa, reclamar "soberanía" para Galicia e esconxurarse contra a "resignación".

Reconfortados e reconfortadas ao comprobaren o nivel de asistencia dunha mobilización en torno á que agromaran as dúbidas, militancia e simpatizantes do BNG viviron nunha ateigada Praza da Quintana -calcúlase que neste espazo collen unhas 8.000 persoas- o que o accidente do tren lles impediu no verán. Só mudou a orientación do acto, no que o habitual escenario das festas do Apóstolo foi substituído por unha plataforma nas escaleiras que soben da Quintana de Mortos á de Vivos, traxecto que ben pode simbolizar a vontade que impulsou boa parte do discurso do portavoz nacional, Xavier Vence, na súa primeira alocución ante unha multitude despois da Asemblea Nacional na que foi elixido.

A formación frontista foi quen de encher a Quintana no remate da súa mobilización

Baixo un sol que, por veces, convertía a permanencia nun prazo nun acto próximo ao heroísmo militante, Vence ollou á base do Bloque: "Quen dixo resignación?", preguntouse, nun contexto no que, ao seu xuízo, non cabe "resignarse a un 52% de mocidade en paro, a que sigan pechando empresas, a que Galiza teña menos emprego agrario que a provincia de Murcia". Tampouco é posible, di o líder do Bloque, que ese sentimento embargue a poboación ante os incendios forestais nos que o Goberno galego, acusa, protagoniza un "patético" intento de "escorrer o vulto". Feijóo é "un pirómano por omisión", afirma Vence, quen pon o acento en que a destrución forestal, como tantos outros acontecementos, é resultado de políticas concretas e non de ningunha "praga bíblica".

Reivindicación da "militancia" e do "cambio posíbel"

Neste contexto, cun país en "situación límite" no que a Xunta só ten "a pleno rendemento" a "fábrica de mentiras de Monte Pío", Xavier Vence reivindica a "loita democrática" do BNG para lograr o que define como un "cambio radical, pero posíbel". A banca pública, unha tarifa eléctrica galega, a soberanía alimentaria, a "liberdade para producir"... son só algunhas das metas que, asegura, Galicia só logrará "coas armas dun Estado", cun "Parlamento soberano" que, en definitiva, lle achegaría á cidadanía "todo o que ten un país normal". Porque a soberanía, advirte, nón é só "cuestión de identidade", senón "de futuro digno para todos e todas", tamén "os non nacionalistas".

Vence rexeita o "medo a tomar as nosas propias decisións" e apela á non buscar "inimigos no nacionalismo"

Nunha aposta por amoldar o seu ton profesoral a un formato tan distinto como o dunha praza chea, Vence tampouco obviou as mensaxes en clave orgánica, tanto cara a dentro como cara a fóra do BNG. Os "inimigos" do Bloque non deben ser buscados "no nacionalismo, tampouco na esquerda", senón nos oligopolios económicos e nos seus "políticos mercenarios", subliña. Dende esa actitude, di, a organización que encabeza non pode abandonarse ao "pesimismo antropolóxico", ben ao contrario, cómprelle "confianza" para non ter "medo" a "tomar as nosas propias decisións, senón a que as tomen por nós". Para lograr estas metas, asevera, nin hai que "renunciar ao caiño percorrido" nin agardar "quimeras" como a "creba democrática estatal". Dende a memoria ao primeiro recoñecemento oficial de Galicia como nación hai agora 80 anos, Vence sinala "o faro" das aspiracións do BNG para o país: "ou soberanía ou declive". "Galiza ceibe, poder popular", retrucoulle a praza.

Intervención de Xavier Vence na Quintana CC-BY-SA Merixo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.