O BNG reduce a súa débeda á metade e remata 2014 con superávit

Xuntanza do Consello Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Hai hai apenas media década as contas internas dos partidos semellaban un segredo e preguntar por elas, un exercicio de mal gusto. Nos tempos en que o crédito bancario -no caso galego, esencialmente das desaparecidas grandes caixas- fluía sen problema cara ás arcas destas organizacións a xestión tendía á opacidade e só era público o legalmente obrigado. É por iso que, por exemplo, en marzo de 2014 o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sorprendía ao estrearse no cargo detallando as débedas do partido e o plan de "saneamento" para mingualas -os 2,2 millóns que atopou reducíronse un 22,5%, segundo os datos máis recentes-. Un exercicio semellante é o que vén desenvolvendo a dirección do BNG elixida en 2013, que tras o último Consello Nacional da formación vén de facer públicas as súas contas do pasado ano, coa redución da débeda á metade como unha das cifras máis destacadas.

Nunha comunicación remitida á súa militancia e difundida despois ao público en xeral a través da súa web o Bloque amosa que iniciou o 2015 cun endebedamento algo inferior aos 2 millóns de euros. Son, nomeadamente, 1,98 millóns, o que implica unha redución do 50,99% a respecto dos 4,04 millóns de euros do ano 2012. Ao longo do pasado exercicio económico a amortización da débeda supuxo, segundo os datos publicados, un 53,7% do total do orzamento de gastos: 1,02 millóns de euros sobre un total de 1,89 milóns. "Supera tamén o inicialmente previsto a partida destinada á defensa xurídica de militantes e simpatizantes que padeceron denuncias ou persecución derivada da súa actividade política", salientan.

Alén da xestión da débeda e deixando á marxe as finanzas da campaña electoral das europeas de maio, xa publicadas con anterioridade, o BNG pechou as súas contas do exercicio económico cun superávit de 51.000 euros. Iso sucede porque os ingresos, afirman, "superaron en 223.741,11 euros o inicialmente previsto polo Consello Nacional". Neste capítulo o montante máis relevante foi o dos "ingresos propios", con máis de medio millón de euros en cotas da militancia e outro tanto en achegas dos cargos públicos da formación. Ademais, as subvencións por representación no Parlamento e no Congreso supuxeron 300.000 e 500.000 euros, respectivamente.

O Bloque formula un orzamento de 1,8 millóns de euros e destaca que o saneamento está a ser posible pola "entrega militante"

Este é o escenario no que, antes de afrontar as campañas electorais o Consello do BNG formula un orzamento para 2015 de 1,8 millóns de euros cunha idéntica previsión de gastos. Fano, din dende a organización, nun contexto no que ven as contas como "síntoma de consolidación e mellora organizativa", polo "incremento substancial de ingresos" de militantes e simpatizantes. "A entrega militante -aseguran- e o traballo da base social fan do BNG un caso único no concerto de formacións políticas existentes na Galiza e no Estado", porque "non hai ningunha outra na que o compromiso da militancia supoña unha porcentaxe similar nos ingresos, segundo os informes de fiscalización oficial".

De cara ao futuro os "obxectivos primordiais" seguirán a ser "a superación da débeda contraída" e depender aínda máis "dos ingresos propios da organización". Así, por exemplo, citan decisións como a renuncia ao envío masivo de papeletas nos procesos electorais ou a "sobriedade nos soportes básicos de campaña". 

Ingresos do 2014 (premer para ampliar) CC-BY-NC-SA BNG
Gastos do 2014 (premer para ampliar) CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.