O BNG renova aspirantes ás alcaldías en Vigo, Lugo, Ourense e Ferrol

Serafín Otero, Rubén Arroxo, Susana García e Iván Rivas, novos candidatos do BNG en Vigo, Lugo, Ourense e Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Serafín Otero, Rubén Arroxo, Susana García e Iván Rivas. Son os nomes elixidos polas asembleas abertas e ratificados este sábado polo Consello Nacional do BNG para encabezas as listas electorais municipais en Vigo, Lugo, Ourense e Ferrol, respectivamente. Con Otero, Arroxo, García e Rivas o Bloque, que concorrerá aos comicios como BNG-Asembleas Abertas, renova maioritariamente os seus carteis electorais urbanos mentres que recunca con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra dende 1999, e con Xosé Manuel Carril e Rubén Cela tras un mandato na oposición ao PP na Coruña e Compostela.

O máximo órgano da formación frontista entre asemblea deulles luz verde definitiva aos primeiros treitos das candidaturas -á lista completa, no caso de Pontevedra- das sete cidades e de 14 municipios máis, lanzándose así a efectos prácticos a unha precampaña á que o Bloque, di o seu portavoz nacional, Xavier Vence, concorre con persoas "solventes, sólidas e cribles" para "ofrecer unha alternativa fronte ao desgoberno corrupto do PP".

Como xa avanzara en datas recentes o propio Vence nestes primeiros postos combínanse os nomes de persoas con traxectoria máis ou menos ampla no labor político e sindical con outras procedentes de ámbitos diversos, caso por exemplo do asociacionismo, o activismo social ou diferentes ámbitos profesionais. Son, afirma o líder nacionalista, "candidaturas netamente sociais" ás que se "incorpora a parte da sociedade máis activa" que "expresa o desexo de mudar as cousas".

Vence destaca a incorporación de "xente nova", "independentes" e persoas procedentes de diversos movementos sociais

A aposta dos candidatos e candidatas do Bloque, abonda, é "trasladar a todos os concellos o modelo que poñemos en práctica alí onde gobernamos", como "Pontevedra, Allariz ou Ribadeo". Este, enxalza, son "gobernos participativos, honestos, con iniciativa e comprometidos cos máis necesitados", que son "quen padecen as consecuencias máis graves da crise". Estas liñas políticas serán desenvolvidas, explica, en boa medida grazas á "incorporación de xente nova, independentes, persoas de diversos colectivos sociais, activas nos movementos veciñais, feministas, de loita contra as estafas da banca, desafiuzamentos e defensa dos servizos públicos.

Tras este proceso, que tamén inclúe a ratificación como candidatos de alcaldes de vilas xa gobernadas polo BNG como Carballo ou Bueu, a formación nacionalista prevé rematar todas as listas no mes de febreiro. Neste proceso electoral, explican, tentarán "ofrecer un proxecto para transformar o país dende os concellos" que tamén estea caracterizado por loitar contra a "corrupción que identifica a maneira de gobernar do PP".

Consello Nacional que aprobou as candidaturas, este sábado CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.