O BNG repróchalle a Feijóo que use o rural para "propaganda e 'remakes' publicitarios"

Feijóo, durante a sesión de control no Parlamento © Xunta

Logo do último Consello da Xunta do pasado mes de marzo, Núñez Feijóo presentou en rolda de prensa o Plan de fixación de poboación no rural. Cualificárao de medida "de impacto"e anunciou que estaría dotado de 230 millóns de euros até 2020 e de 23 medidas específicas para xerar novas oportunidades no agro. Era, en definitiva, a terceira vez en ano e medio que o xefe do Executivo presentaba as mesmas medidas para o rural, englobadas todas no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 -financiado fundamentalmente con fondos europeos- e detallando, desta vez, algunhas das medidas dunha parte dese PDR, para o que se achegan un total de 1.200 millóns. 

O novo plan da Xunta para o rural presentado hai tan só uns días límitase a detallar parte dun proxecto xa vixente

Nunha práctica habitual da Xunta, o seu presidente anunciou un novo plan que non é máis que detallar medidas xa existentes e vixentes e concretar algo máis as achegas económicas para uns obxectivos que se repiten cada pouco: cohesión territorial, innovación e formación, agricultura sustentable, mellora da competitividade, remuda xeracional e cooperación. Fáltalle aínda presentar outras partes do PDR que poderían chegar vestidas tamén como plan. Este mércores, na sesión de control do Parlamento, o BNG reprochoullo a Feijóo.

A súa voceira, Ana Pontón, advertiu da "discriminación" sufrida por Galicia nos Orzamentos Xerais do Estado e da diminución de recursos para "acometer retos como o da recuperación da medio rural", algo que, lembroulle, "non se vai solucionar con propaganda nin con remakes publicitarios do Plan de Desenvolvemento Rural tantas veces anunciado". Referíase até as tres ocasións desde 2015 nas que Feijóo presentou medidas do PDR de maneira ben semellante. 

Pontón advírtelle a Feijóo que a recuperación do rural "non se vai solucionar con propaganda nin con 'remakes' publicitarios do Plan de Desenvolvemento Rural tantas veces anunciado"

Pero Feijóo non só non o recoñeceu senón que citou "a posta en marcha" dese Plan de fixación de poboación no rural -coas medidas xa vixentes antes- como un "reflexo" dos "compromiso" da Xunta, ao que engadiu o "mantemento dos fondos da PAC, con 2.380 millóns de euros no rural ata o ano 2020; a aprobación de leis como a Lei de montes ou a Lei de mellora da estrutura agraria; ou a iniciativa de impostos cero por permutar ou vender fincas". 

O presidente da Xunta citou o plan con medidas xa vixentes como un "reflexo" do "compromiso" da Xunta co medio rural

Ana Pontón, pola súa banda, reprochoulle tamén que presuma das achegas a través dese PDR até 2020 cando "conta con 300 millóns de euros menos grazas tamén á solidariedade de Rajoy". De feito, o anterior PDR para o período 2007-2013 contaba con 1.500 millóns de euros, dos cales 856,5 millóns procedían do Fondo Europeo Agrario, mentres que o Estado e a Xunta achegaran cadanseus case 320 millóns. Desta vez, a UE aumenta a súa achega até 890, pero a Administración galega queda en 217 e o Estado redúcea até unicamente os 79, 140 millóns menos. Ademais, a portavoz do BNG lembroulle que o país lidera a caída de poboación rural no Estado, e que "a metade dos empregos destruídos no sector agrogandeiro foron en Galicia".

A UE aumentou a súa achega ao Plan de Desenvolvemento Rural até 2020, pero o Estado reduciuna en 140 millóns e a Xunta en máis de 100

Malia todo, Feijóo destacou que nestes últimos anos o sector primario "está vivindo un proceso de transformacións cara a un sector máis sustentable, máis rexuvenecido e máis produtivo" e chegou a asegurar que Galicia "non pode ser allea a Europa, e en Europa o peso do sector primario está descendendo".

"Hoxe o rural ten máis futuro que cando cheguei ao Goberno", engadiu Feijóo, mentres Pontón advertía que “vivir no rural non pode implicar ser cidadán de segunda por falta de servizos e de oportunidades". Iso é o que temos que mudar”, insistiu. Con todo, o presidente da Xunta presumiu de aumentos en produción de varios sectores ou de ter "a maior cooperativa láctea da historia de Galicia, con nós no Goberno", non sen antes acusar a voceira do BNG de "falta de respecto ao rural galego" e reprocharlle que empregase unha pregunta sobre Orzamentos para falar do agro. 

Ana Pontón, durante a sesión de control no Parlamento © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.