O Bloque rompe relacións con CiU. O BNG vén de remitir unha carta a Convergència i Unió, na que lle aclara á coalición catalá que deixa "en suspenso o marco de relacións" que mantiveron durante os últimos anos por mor das críticas continuadas de varios representantes da formación ao AVE a Galicia ou á continuidade dunha entidade financeira galega no país, aspectos que en opinión da fronte nacionalista son "intereses estratéxicos" do país.
O Bloque acusa a CiU dunha "intromisión sistemática en asuntos estratéxicos para Galicia"
Guillerme Vázquez, voceiro do BNG, foi quen remitiu a carta ao secretario xeral de CiU, Josep Antoni Duran i Lleida, na que lle lembra que a relación de ambas as dúas organizacións "sustentouse no respecto e o apoio mutuo ás cuestións claves de cada país". "O BNG sempre mantivo esta premisa e soubo defender Galicia sen agredir os intereses doutros pobos", recorda Vázquez na misiva.
"Nos últimos tempos, cualificados representantes de CiU" fixeron manifestacións públicas que supoñen "unha intromisión sistemática en asuntos que afectan a intereses estratéxicos de Galicia" e que "denotan unha preocupante insensibilidade cos problemas" do país, advertiulle Vázquez, que xustifica a ruptura de relacións e que recrimina as "referencias negativas a supostos investimentos" nas infraestruturas ferroviarias ou sobre o futuro de Novagalicia Banco "que concentra boa parte do aforro galego", ambos os dous "temas de gran transcendencia para o desenvolvemento económico e social de Galicia, coa que o Estado "acumula unha débeda notable derivada da súa marxinación histórica en investimentos, xunto coa expatriación de importantes recursos propios". Para o BNG, as continuas alusións e críticas da formación catalá a intereses galegos fai que CiU "crebe as bases dunha relación sustentada no respecto mutuo e na reciprocidade".
Guillerme Vázquez lembra que as críticas de CiU a asuntos galegos seguiron malia amosar o Bloque o seu "desagrado"
Guillerme Vázquez lembra tamén que o BNG xa transmitiu o seu "desagrado" polo cuestionamiento destes "asuntos transcendentais" por parte de CiU, e destaca que malia iso, as críticas seguíronse producindo. "Agrede os alicerces do noso entendemento e colaboración e, polo tanto, vémonos obrigados a comunicarvos que deixamos en suspenso o marco de relacións que vimos mantendo durante estes anos", indica Vázquez.