O BNG sae á rúa o 15 de setembro "por unha patria soberana"

Prado e Lobeira, na presentación da mobilización CC-BY-NC-SA BNG

Cos actos políticos do 25 de xullo suspendidos por mor do accidente ferroviario de Angrois o BNG recuperará este 15 de setembro a súa mobilización a prol da soberanía. Baixo o lema Por unha patria soberana o Bloque convoca unha manifestación en Compostela para, en verbas da súa secretaria de Imaxe, Montse Prado, "facerlle fronte a un PP que xa non disimula a súa ideoloxía nin as súas orixes" como, por exemplo, "no caso do alcalde de Baralla, que defendeu sen complexos o franquismo" ou como o conselleiro de Educación, "que prorogrará cinco anos os concertos con colexios que segregan por sexo".

Estes son, a xuízo da formación frontista, só dous dos motivos para "saír á rúa" nun contexto no que o PP "xa non exerce de Goberno de Galiza", senon que é "un goberno de ocupación" que "executa" as "decisións tomadas pola troinka en beneficio dos poderosos". "Precisan concentración do poder para consolidar a súa estratexia económica de espolio dos recursos en afastar a democracia do pobo, por iso é cada vez máis necesaria ca nunca unha patria soberana na que o pobo sexa quen máis ordena", di.

"O Estado español non é ningunha axuda, é un lastre do que nos temos que emancipar se queremos ter futuro"

Neste contexto o secretario de organización dos nacionalistas, Bieito Lobeira, sitúa como principal "obxectivo" da marcha do 15 de setembro "darlle unha resposta galega a unha situación económica e social que é absolutamente insoportábel". "Hai que pararlles os pés a uns gobernos que utilizan o pobo como unha auténtica colonia" mentres o aparello do Estado "está podre, en proceso de descomposición" ata "a cúspide, a Coroa española". "O Estado español non é ningunha axuda nin garante nada", afirma Lobeira. Ben ao contrario, defende, "é un lastre do que nos temos que emancipar se queremos ter futuro como pobo".

Prado e Lobeira, na presentación da mobilización CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.