Resolverá Europa. Tras varios meses presentando iniciativas en todos os ámbitos nos que ten representación o BNG propiciará que a Comisión Europea resolva sobre se a Igrexa católica pode seguir sen abonar o imposto de bens inmobles (IBI) nos seus edificios non dedicados ao culto cristián. A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, e o seu voceiro en Compostela, Rubén Cela, lembran que esa elevación á Unión Europa non é casual. Bruxelas xa "obrigou" en 2007 ao Estado a aplicarlle o IVE á Igrexa, "do que tamén estaba exenta". A súa intención é obter un ditame semellante para un tributo que, só na capital de Galicia, calculan, suporía uns ingresos para as arcas públicas de máis de 37 millóns de euros ano ano.
O BNG lembra que a UE xa "obrigou" en 2007 o Estado a cobrarlle o IVE á Igrexa
Ante as controversias xeradas nalgúns ámbitos políticos e mediáticos Miranda e Cela fan especial fincapé que a proposta se realiza "dende a máis absoluta tolerancia e respecto ás opcións persoais" en materia relixiosa", pero tamén "dende a igualdade e a non discriminación fiscal, en particular nun momento no que se lle esixen esforzos á cidadanía". Non se trata, expliquen, de que a institución católica pase por caixa para, por exemplo, tributar pola Catedral de Santiago ou polos albergues para persoas desfavorecidas, pero sí para facelo por "prazas de garaxe, vivendas, hospedarías, locais comerciais ou terreos". Na cidade de Santiago isto é sinónimo duns "850.00 metros cadrados de bens de uso non relixioso" en "máis de 200 propiedades". Traducido a euros, "uns 200.000 euros" que o Concello da cidade deixa de ingresar e que "se poderían dedicar", por exemplo, a "fins sociais", din.
Despois de tentar tramitar a proposta no propio pleno municipal compostelán -o PP rexeitouna e o PSdeG abstívose- a aposta agora é que o gabinete que dirixe José Manuel Durão Barroso analice "se debe instar o Estado español a renegociar os acordos" co Vaticano asinados en 1979 "e a idoneidade de establecer criterios comúns no conxunto da Unión Europea en materia de financiamento de cultos relixiosos". Ademais, a cuestión abordarase, tamén a instancias do Bloque, na Plataforma de Laicidade do Parlamento Europeo, un foro de debate con deputados e deputadas de varios Estados membros.
Caballero négase a aplicar o tributo
"O alcalde de Vigo non obedece instrucións de ninguén", retrúcalle Caballero á dirección do PSdeG e do PSOE
A nova iniciativa do Bloque para tentar que a Igrexa pague o IBI polos seus edificios chegaba vinte e catro horas despois de que o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, tentase vencer as resistencias que na súa propia formación hai a aplicar este tributo. Dende a sede do seu partido Vázquez lembroulles a todos os alcaldes socialistas que o criterio xeral da formación é aplicar este imposto "sen excepcións", na liña co decidido pola dirección federal e pola dirección nacional en Galicia. Mentres que algúns rexedores do PSdeG, caso do de Amoeiro, xa se puxeron mans á obra o alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicitaba de novo este venres a súa oposición ao fondo pero tamén á forma da cuestións: "o alcalde de Vigo non obedece instrucións de ninguén", sentenzou, tampouco "de ningún partido".
Ao rexedor vigués "ninguén se atreve a darlle instrucións", retou Caballero en rolda de prensa, ao que engade que esas indicacións só as recibe "da cidade" e baseándose unicamente nos "intereses" da mesma. Segundo os seus cálculos cobrarlle o IBI á Igrexa traería consigo ingresar uns 13.000 euros no Concello, moito máis, di, que os 30.000 que suporía pagar o aluguer dun local eclesiástico que o consistorio emprega de balde. En calquera caso, e ante as mensaxes de Pachi Vázquez -e tamén de Alfredo Pérez Rubalcaba- Caballero limítase a dicir que "escoita o que diga todo o mundo" pero "atende o que diga a cidade" xa que, afirma, "o alcalde de Vigo non responde máis que diante dos seus electores".