O BNG terá candidatura á Presidencia da Xunta o 30 de abril

Un intre do Consello Nacional do BNG, este 9 de abril CC-BY-NC-SA BNG

O BNG acelerará en vinte e un días o seu calendario cara ás eleccións galegas. O Consello Nacional da formación frontista reuniuse este sábado para abordar a proposta de cronograma que a Executiva formulou para a elección da candidatura á presidencia da Xunta. Coa vista posta nun "posible adianto electoral" e mesmo nunha eventual coincidencia no 26 de xuño das eleccións xerais e galegas, o Bloque deulle luz verde a un calendario que o levará a ter rostro para o seu cartel electoral o vindeiro 30 de abril.

O responsable de comunicación da Executiva, Rubén Cela, expuxo tras a súa aprobación un calendario que bota a andar este mesmo luns, día 11, cando se abre un prazo de presentación de candidaturas que finalizará o día 20 e ao que pode concorrer "calquera militante" que xunte cincuenta avais. Entre os días 21 e 27 as asembleas comarcais debaterán e votarán as candidaturas, e o día 30 o Consello Nacional ratificará "a deisgnación da persoa elixida polas bases".

Poderá concorrer ao proceso "calquera militante" que xunte 50 avais

Para o tamén edil en Santiago este procedemento permite que o BNG continúe a ser "un referente de transparencia, democrático e de facilidades para que calquera militante poida participar en calquera proceso interno". "Serán as bases nacionalistas as que decidan quen é a persoa máis acaída para representar ao Bloque", subliña Cela, quen chama a contrastar este procedemento co do PP. "Aquí non hai dedazos nin se toman as decisións en función do humor co que se levante o señor Feijóo. É a militancia quen manda", sinala.

A candidatura da portavoz nacional, Ana Pontón, preséntase como a máis probable

Nesta liña, a dirección nacionalista subliña que será a militancia quen, en última instancia, determine as "opcións" da portavoz nacional, Ana Pontón, de ser a candidata. Así e todo, a opción de Pontón preséntase como a máis probable despois de que a Asemblea Nacional na que foi elixida eliminase a incompatibilidade entre a portavocía nacional e o cartel electoral. A líder da formación frontista manterá o vindeiro luns un encontro coa prensa no que cabe agardar que xa confirme a presentación da súa candidatura.

A fórmula de concorrencia

Cela afirma que o BNG ofrecerá "unha candidatura de ampla base social" que "non teña que mirar a Génova, a Ferraz ou á Complutense"

A persoa elixida neste proceso será quen estea á fronte do BNG nunhas eleccións ás que, di Cela, a formación se presentará baseándose "no mandato que nos deu a militancia hai tan só unhas semanas", na Asemblea Nacional, e que pasa por "unha candidatura netamente de país, sen ningún tipo de atadura con forzas políticas que non teñan o seu ámbito de decisión en Galiza". O Bloque, asegura, vai "ofrecer á sociedade unha candidatura de ampla base social" que "non teña que mirar cara a Génova ou para Ferraz, pero tampouco para a Complutense de Madrid, que só teña que pensar nos intereses dos galegos e galegas á hora de facer as súas propostas".

A "absoluta prioridade" desa candidatura, indica, non será outra que "a derrota do PP" e, con ela, "a derrota das políticas da dereita dos gobernos do señor Feijóo, que deixa como legado un país literalmente contra as cordas". A precariedade laboral, o desemprego, a emigración ou o estado dos servizos públicos son, ao seu xuízo, mostra de que o actual presidente deixa unha Galicia "máis empobrecida e desprotexida".

Pontón e outros membros da Executiva, durante o Consello Nacional CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.