O BNG ve "esgotado" o Goberno de Feijóo tras media lexislatura

Francisco Jorquera CC-BY-NC-SA BNG

O BNG cre que o Executivo galego xa dá "síntomas de esgotamento" a metade dunha lexislatura na que, segundo a formación nacionalista, a Xunta "carece dunha axenda propia para Galiza". Así o asegurou o voceiro do Bloque no Parlamento, Francisco Jorquera, que fixo balance desta primeira parte da lexislatura no país.

O BNG cre que o Goberno galego dá "síntomas de esgotamento" a metade da lexislatura

Para Jorguera, o Goberno galego funciona como “unha xestoría” que tenta resolver as cuestións "día a día e sen previsión e como  delegado do Goberno de Rajoy". "Feijóo non ten outro intereses máis que abrirse un oco en Madrid oficiando de tertuliano ou comentarista de actualidade", insistiu o portavoz do BNG, que acusa o Executivo de Feijóo de "non reclamar unha soa competencia e aceptar sen rechistar a continuidade dun sistema financeiro ruinoso para o país".

"Ademais, continúa no camiño dos recortes para  desmantelar os servizos públicos, e como evidencia o caos sanitario que estamos a vivir", insistiu Jorquera, que anunciou que o Bloque xa solicitou, así como AGE tamén, a reunión da Deputación Permanente para reclamar que o presidente compareza nun pleno extraordinario para explicar "as deficiencias na atención sanitaria nos servizos de Urxencias dos hospitais galegos".

Jorquera acusa a Feijóo de "botar balóns fóra" co "caos" na sanidade pública

Mentres, segundo o BNG, a Xunta segue "botando balóns fóra" e "culpando do caos sanitario a gripe por adiantarse” e os doentes "por non vacinarse".  Para a titular de Sanidade, nun “exercicio de indecencia” , engadiu Jorquera,  todo funciona de marabilla aínda que houbo “un problema de confort”.

No seu balance, Jorquera tamén destacou que a baixada do prezo do petróleo non tivese impacto na cidadanía malia ter Galicia unha refinería no seu territorio -"seguimos pagando máis polo carburantes", dixo- e o feito de que familias e empresas non poidan asumir as tarifas eléctricas, polo que xa anunciou tamén que o BNG pedirá que se abra o debate na Cámara sobre a implantación dunha tarifa eléctrica galega.

O Bloque insiste nunha tarifa eléctrica galea e denuncia que os galegos "sigan pagando máis polos carburantes" que noutros territorios

Ao tempo, o portavoz do BNG lembrou que Galicia encabezou no último mes a suba do paro rexistrado, así como a caída da produción industrial en todo o ano pasado. En canto á posible redución de escanos que prepara o PP, insistiu en que o que lle "molesta" aos populares é "o pluralismo". "Se puidese, disolvería o Parlamento sen convocar eleccións", engadiu, tras recordar que Feijóo incumpriu o sue compromiso de comparecer para falar de corrupcíón e que o seu partido negouse a unha comisión de investigación sobre a trama Zeta.

En canto á axenda do BNG, Jorquera apostou por unha "oposición clara e contundente acompañada de alternativas para que Galiza teña a voz que o Goberno lle nega nun novo modelo de financiamento baseado na responsabilidade fiscal plena, recuperar o plan de Normalización Lingüística, cambio rotundo de políticas económicas para abaratar o prezo dos combustíbeis e da enerxía eléctrica, crear un Instituto galego  de crédito, rexenerar a democracia e defender os servizos públicos".

Francisco Jorquera CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.