O candidato do PP maquilla as vacacións do presidente da Xunta

Logo de 11 días, Feijóo retomou este mércores a súa axenda institucional recibindo aos deportistas galegos que foron a Río Dominio Público Xunta de Galicia

Os meses de agosto, con boa parte do funcionariado de vacacións e a actividade política ao mínimo, adoitan ser os elixidos tradicionalmente polos presidentes da Xunta para coller dez días ou un par de semanas de vacacións, non moito máis. Non sempre desaparecían do país, pero si da ollada diaria dos medios de comunicación. Este ano, coas autonómicas o 25 de setembro, a situación cambiou para a persoa, pero non para o cargo.

Ata a recepción que organizou este mércores no Pazo de Raxoi aos deportistas galegos que participaron en Río, Feijóo levaba 11 días sen axenda institucional como presidente da Xunta. Como podería acontecer calquera outro mes de agosto. Porén, en todo ese tempo desde que o 1 de agosto convocou as eleccións autonómicas para o 25 de setembro, Feijóo non parou de celebrar actos de partido de todo tipo, como nos meses anteriores.

A convocatoria electoral para o 25-S fixo que Feijóo non collese uns días de vacacións este agosto, como é habitual nos presidentes da Xunta, pero reduciu a súa axenda institucional como se así fose e envorcouse nos actos de campaña

Logo de convocar de urxencia aos medios de comunicación o luns 1 de agosto para informar da data elixida para as autonómicas, a axenda pública do titular da Xunta comezou a asemellarse á de calquera outro presidente previo en calquera outro mes de agosto. A maior actividade política institucional rexistrouse ou nos primeiros días, ou, como en calquera agosto que así o requirise, nos días de maior intensidade da vaga de incendios. O martes día 2 o presidente reuniuse cos alcaldes de Cerdedo e Cotobade para publicitar esa fusión municipal. O día 4 presidiu o último consello ordinario da Xunta, e ese mesmo día comezaron a aparecer na súa axenda unha serie de actos festivos tradicionais nos agostos presidenciais: Feira do Xamón na Cañiza, gala contra o Cáncer na Toxa, Xuntanza da Emigración, Feira do Albariño en Cambados, visita a unha exposición na Cidade da Cultura e recepción de deportistas. Esa axenda cambiou radicalmente os días 9 e 12 de agosto, cando en plena vaga de incendios Feijóo acudiu ao centro de coordinación da loita contra o lume. Pero desde ese último día e ata este mércores, o presidente da Xunta deixou de ter actos públicos. Como calquera outro mes de agosto.

Entre a axenda institucional ao principio do mes e a de partido máis tarde, nunca pasaron máis de catro días sen que o presidente tivese algún acto público

Pola contra, o candidato do PP non parou en todo este tempo de facer campaña, como nos meses previos. O mesmo día 1 en que anunciou a data das autonómicas, Feijóo levou a Piñor e Cea o seu banco azul co que está a percorrer Galicia falando directamente cos cidadáns. O día 3 subiu ao Pico Sacro para celebrar alí unha reunión con mensaxe pública da directiva do PP galego, e os días 5, 6 e 8 fixo o mesmo coas directivas provinciais do seu partido. O día 10 levou o banco azul a Chantada, o 17 presentou en Santiago os cabezas de lista das catro provincias, o 22 a totalidade dos seus candidatos e este martes 23 comezou a presentalos en actos a nivel provincial. O cruce da axenda de partido e da institucional permiten comprobar que Feijóo só deixou de ter actos públicos (outra cousa son os privados, tanto como presidente como á fronte do PP de Galicia) nas dúas fins de semana alongadas de mediados de agosto, pero nunca máis de catro días seguidos.

A non celebración neste tempo de consellos ordinarios da Xunta, as reunións que o Goberno galego adoita celebrar cada xoves, tamén é indicativo de que este agosto, a efectos do executivo, é como outro agosto máis. Neste mes o habitual viña sendo que só se celebrase un consello ordinario na primeira ou na última semana, sendo algo menos común que os houbese en ambos extremos do mes. Esa é a situación deste ano, no que pasaron tres semanas desde o último consello do xoves día 4 ata o que se celebra este xoves día 25, como calquera outro agosto de vacacións na Xunta de Galicia.

Feijóo no Pico Sacro co seu secretario xeral, Miguel Tellado, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro CC-BY-SA PPdeG
Feijóo nun dos seus actos de campaña no banco azul co que está percorrendo Galicia Dominio Público PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.