O caso Baltar acompañará a Feijóo ata as eleccións galegas

Feijóo, con Baltar e outros dirixentes nun paseo electoral en Xinzo © PP Ourense

Se, como todo apunta, Alberto Núñez Feijóo fai cadrar as eleccións galegas coas vascas, todo semella indicar que se celebrarán cadrando case exactamente catro anos despois das anteriores, isto é, o 16 ou o 23 de outubro. Para que isto suceda o presidente da Xunta terá que ditar o decreto de convocatoria na penúltima ou na última semana de agosto. Cando o Parlamento estea xa disolto e a campaña electoral a piques de comezar, o 29 de setembro ás once e media da mañá, o caso Baltar rexurdirá en plena carreira ás urnas. Será nesa xornada cando José Luis Baltar declare en calidade de investigado -antiga imputación- na causa contra o seu fillo polo presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo, na que se lle imputan supostos delitos de suborno e tráfico de influencias sen que a instrutora desbote, polo momento, o acoso sexual.

Despois de atender as alegacións do ex-líder do PP de Ourense e adiar a súa declaración o pasado día 8, a xuíza Eva Armesto vén de fixar a nova data. Faino apenas unha semana despois de prorrogar a instrución durante seis meses máis, isto é, ata final de ano. Despois de que o fiscal se opuxese a declarar a causa como complexa, o que permitiría alargala ata 18 meses, a maxistrada alegou a necesidade de proseguir a investigación para recabar máis datos da denunciante, tamén investigada, así como para practicar novas dilixencias. Entre elas, o interrogatorio a Baltar pai.

A xuíza fixa a declaración de José Luis Baltar como investigado na causa contra o seu fillo para o vindeiro 29 de setembro

A intervención da Fiscalía vén sendo, precisamente, un dos argumentos máis recorrentes da dirección do PPdeG para non actuar contra José Manuel Baltar. É así especialmente dende comezos de decembro, cando o Ministerio Público decidiu arquivar a denuncia da muller, momento no que os populares deron o caso por pechado. Así e todo, pouco despois dese arquivo o xulgado de instrución número tres admitiu a trámite a denuncia que a muller presentara ao respecto e a finais de xaneiro imputou a Baltar, quen a mediados de marzo tentou, sen éxito, anular o proceso.

Co barón ourensán reelixido como presidente provincial do PP a cúpula galega do partido optou polo perfil baixo ao respecto. Mentres, o dirixente ourensán veu circunscribindo o caso ao seu eido "persoal", se ben en abril a xuíza citou como investigado ao xefe de persoal da Deputación e alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e a finais de maio imputou a Baltar Pumar por, supostamente, intervir na promesa dun posto de traballo na institución provincial, toda vez que cando se produciu o suposto ofrecemento Baltar fillo dirixía o partido, pero Baltar pai aínda encabezaba a Deputación.

A dirección do PPdeG suxire que non actuará contra o seu barón ourensán se non é condenado

Neste contexto, a dirección do PP pasou de pedir tempo para novos movementos sobre o seu barón ourensán a suxerir, máis ou menos abertamente, que non lle pedirá o cesamento dos seus cargos se non é condenado. Así o fixo o secretario xeral do partido, Miguel Tellado, no comezo da campaña das xerais, e no mesmo sentido se expresou o propio Alberto Núñez Feijóo en días pasados. Tras cuestionar a actuación da xuíza por ordenar dilixencias sen o aval do fiscal, o presidente da Xunta volveu expresar a súas "dúbidas" sobre o caso a pasada semana en declaracións a Onda Cero. "Estamos seguindo este asunto e aceptaremos o que nos diga a xustiza", resolveu, tras comparar o caso coa utilización, por parte da cabeza de lista de Ciudadanos en Pontevedra, dun permiso de aparcadoiro para persoas con discapacidade do que non era titular.

Mentres todo isto sucede, Feijóo segue a compartir actos preelectorais con Baltar, os últimos ata o momento, un paseo e un almorzo informativo centrado en política social. Xunto ao seu barón máis controvertido o xefe de filas do PPdeG acusou as mareas de "sacar rédito político da pobreza" ou "monopolizar a desgraza" ao tempo que, como xa fixera no Parlamento, acusou o Concello de Santiago de recortar as súas partidas sociais.

Feijóo e Baltar, en Verín © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.