O Centro Gallego de Bos Aires albisca unha saída: cede a xestión do hospital pero mantén o patrimonio cultural

Edificio do Centro Gallego, na actualidade © Google

O futuro do histórico Centro Gallego de Bos Aires (CGBA) semella despexarse por fin. A asemblea de representantes de socios da pasada semana aprobou por unanimidade a cesión da xestión do hospital da centenaria institución ao grupo BASA durante trinta anos, con opción de compra do emblemático edificio da capital arxentina.

Os socios acordaron aceptar a cesión da xestión do hospital do Centro Gallego ao grupo BASA pero non será até o 21 de maio cando se dea o visto e prace definitivo

O acordo está encarreirado para a aceptación da proposta que este grupo (Buenos Aires Salud) presentou á comisión negociadora, pero os socios decidiron adiar até o 21 de maio a próxima asemblea para poder así decidir sobre algún aspecto clave pendente. Entre eles, o futuro do importante patrimonio e legado cultural e histórico da emigración galega que garda a mutual do Centro Gallego no caso da venda do inmoble. 

Fachada do Centro Gallego, en Bos Aires © CGBA

Segundo fontes do CGBA e da negociación consultadas por Praza.gal, todo o patrimonio permanecería en mans desta mutual da emigración galega, que quedaría co histórico panteón da Chacarita, a biblioteca, o Teatro Castelao, un espazo propio no soto e unha sala de reunións no primeiro andar, así como o anexo que o Centro ten na localidade veciña de Valentín Alsina. 

A mutual da emigración galega quedaría con todo o importante patrimonio cultural e historíco, a biblioteca, o Teatro Castelao e dous espazos no propio edificio

Tamén queda por determinar en detalle como se garantirá a atención sanitaria aos socios que quedan na entidade. BASA ofrece manter a actual cota social, co aumento que determine a autoridade nacional de saúde, e que os asociados –sobre uns 3.000 agora-- teñen cobertura sanitaria nos 36 centros que o grupo ten en todo o país. Respecto aos 350 traballadores que aínda quedan no CGBA, e que sofren desde hai tempo impagos e manteñen importantes mobilizacións, seguirán nos seus postos e pasarán a traballar para unha empresa que promete equipar “por completo” o hospital para ofrecer “todas as prestacións sanitarias” o máis axiña posible.

A oferta de BASA, que tamén foi analizada pola intervención estatal que rexe agora no CGBA, propón a cesión da xestión hospitalaria do Centro durante trinta anos, cunha opción de compra sobre o inmoble duns 34.000 metros cadrados, sempre que o grupo sanitario se faga cargo de todas as débedas que ten arestora a institución da diáspora. Son case 50 millóns de euros os que debe, practicamente a metade á Facenda arxentina e un cuarto máis aos traballadores, á Seguridade Social e a provedores. 

Xa que logo, a situación do CGBA, con anos xa de agonía, semella albiscar unha solución, aínda a costa de que a emigración galega poida perder un edificio histórico, exemplo claro da fortaleza do asociacionismo galego e símbolo da unión da diáspora. Na urxencia, a situación do persoal do hospital, que recibe un escasísimo salario que se vai reducindo e sitúase agora nuns 500 pesos semanais (sobre 10 euros) entre reivindicacións laborais, un edificio que sofre á vista a deterioración e o desleixo das institucións e unha atención aos doentes mínima e precaria.

Ademais, o futuro de Uns 34.000 metros cadrados, seis plantas e dous sotos que acolle tamén medio cento de esculturas e estatuas, máis de cen pinturas de Seoane, Colmeiro, Castelao ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados no país, un teatro histórico de 400 butacas, un inxente arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Blanco Amor e Cunqueiro. Un inmenso patrimonio cultural en risco cuxa xestión esixiron sempre para a futura mutual do Centro Gallego todas as alternativas formuladas por asociados ou directivos, entre críticas ao nulo apoio chegado desde a Xunta ou o Goberno de España. Será esa a institución que, agás paso atrás improbable, garde o legado de milleiros de emigrantes e figuras históricas de Galicia. Unha solución que ninguén ve ideal pero cuxa alternativa era unha perda imperdoable. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.