O cerco anuncia novas mobilizacións tras non aceptar o principio de acordo

Protesta de mariñeiros do cerco en Vigo CC-BY-SA Gzvideos.info

A frota do cerco acadara un principio de acordo para intentar distribuír de forma máis xusta os cupos de capturas de xarda e xurelo asignados a Galicia para este ano entre os seus 153 barcos. Logo da reunión en Compostela, redactouse  un borrador que tiña que ser discutido en asemblea para tratar de pechar o pacto o vindeiro martes coa Xunta. Pero todo quedou agora en papel mollado. Na xuntanza celebrada en Portosín -á que acudiron 121 armadores contrarios ao sistema actual e que representan a maioría do sector- non houbo acordo. Non acatan os criterios de reparto, nin tan sequera para este ano como se prevía, e exixen ao Goberno central que rache co método de distribución actual.

A asemblea do cerco non acepta o principio de acordo do venres e pide a Madrid que rache co actual sistema de cotas

A negociación que liderou Rosa Quintana, conselleira do Mar, intentara acabar coa división do cerco. Pactárase este venres un acordo no que os mariñeiros e armadores contrarios aos criterios de reparto acatarían tan só este ano que se manteñan os criterios históricos que favorecen ao País Vasco e deixaran temporalmente as súas reivindicacións dun reparto lineal e por tripulante. A cambio, e logo de que se lograsen 1.450 toneladas adicionais de xarda para Galicia, a minoría de armadores aceptaría o sistema e acataría un novo reparto interno de cotas para favorecer a aquelas embarcacións que teñan menos.

A maioría do sector acorda por unanimidade volver ás mobilizacións

Agora, a inmensa maioría do cerco anuncia que non deixará de loitar por un reparto xusto tras un acordo por unanimidade na asemblea. Queren que se basee no número de tripulantes de cada embarcación e non nos antecedentes históricos. "Non queremos esmola, senón xustiza", aseguraron. Por iso anuncian que xa preparan novas mobilizacións e que continuarán sen saír ao mar. Ademais, reclaman á conselleira Rosa Quintana que acompañe o sector a Madrid para que exixa que se rache coa aactual borrador e se aprobe un novo.

O cerco, logo de varios días de intensas mobilizacións, segue así loitando por un reparto xusto, que se basee no número de tripulantes de cada barco e non nos antecedentes históricos de descarga que provocan que Euskadi, con tres veces menos barcos, leve case o 50% das toneladas fronte ao 25% dos galegos. O conflito acentúase logo de importante protestas, como a que acabou a paus por parte da Policía fronte ao Parlamento, e cun paro histórico das lonxas da Coruña e de Vigo este pasado venres, día no que tamén se celebrou unha mobilización en Oviedo.

Barcos a pescar xurelo © Ministerio de Agricultura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.