O cerco galego acata o reparto de Madrid e Euskadi cédelle 400 toneladas de xarda

Protesta de mariñeiros do cerco en Vigo CC-BY-SA Gzvideos.info

Euskadi cederá arredor de 400 toneladas de xarda ao cerco galego, segundo asegurou o patrón maior da confraría de Sada e representante dos armadores contrarios ao acutal modelo de reparto de cotas, logo dunha xuntanza co secretario xeral de Pesca, Carlos Domínguez, na Coruña.

Na reunión deste mércores, na que tamén estivo a conselleira Quintana e o delegado do Goberno, desmarcouse do principio de acordo de onte xoves o cerco de Ribeira, cuxos representantes pedían unha compensación no xurelo para ceder parte da súa cota de xarda, unhas 160 toneladas. Pero non hai marcha atrás. O cerco acepta a decisión menos mala para volver faenar e agradece o xesto da frota do cerco vasca, que cederá unhas 400 toneladas aos barcos galegos con menos capacidade.

Foi onte, xusto o día no que o BOE publicaba e ratificaba o plan de xestión do caledoiro do Cantábrico Noroeste, cando o cerco acatou a distribución de cotas tras acordar unha fórmula para distribuír de maneira máis xusta as capturas de xarda e xurelo entre os 153 barcos galegos. Non había moita opción máis e os armadores, que ratificaron o preacordo alcanzado horas antes coa Xunta, aceptárono en asemblea conscientes de que a costeira comeza e teñen que saír ao mar xa. "Non podemos aguantar máis", din. Seguirán loitando para un reparto lineal e equitativo para o ano que vén, pero a maioría xa aceptou un sistema que minimice o impacto que a orde estatal supón para os máis pequenos, á espera de que os profesionais de Ribeira e Lugo acaben de definir os detalles na reunión que hoxe manteñen co secretario xeral de Pesca na Coruña.

As máis de 1.400 toneladas extras de xarda repartiranse cun criterio que beneficie aos barcos que menos cota teñen

Así, o cerco resígnase e acata a distribución, baseada un 70% nas capturas históricas e non no número de tripulantes, o que provoca que case o 50% da xarda lle corresponda ao País Vasco. Non obstante, en Galicia farase unha xestión individual da especie mentres que as máis de 1.400 toneladas extras conseguidas tras a negociación da UE con Noruega e as Illas Feroe repartiranse cun criterio no que se beneficiará ás embarcacións que menos cota teñen para intentar compensar a desigualdade.

Co xurelo tamén se artellará un modelo galego con toda a capacidade de capturas na que se poñerán topes para cada barco segundo o seu tamaño e a tripulación. Haberá uns parámetros trimestrais e uns cupos de captura por semana, ademais dunha revisión mensual que evitará que a cota estea xa limitada para cada embarcación.

É un pacto puntual para este 2014, aínda que os mariñeiros insisten en que non deixarán de loitar para que a vindeira campaña o sistema cambie e para que o sistema actual tan só sexa temporal. Volverán faenar, pero arrancan o compromiso de volver negociar o método de reparto de cotas para o ano que vén. Porque a distribución aprobada polo Goberno central baséase nos antecedentes históricos de descargas de cada buque entre 2002 e 2011, e non no número de tripulantes, tal e como solicitan a maioría de armadores. 

O País Vasco e Cantabria, que non chegan aos cen barcos, teñen así o 72,14% da cota de case 14.000 toneladas de xarda, mentres que Galicia, con 153 barcos, queda co resto, no que unha pequena parte tamén lle pertence a Asturias.

Barcos a pescar xurelo © Ministerio de Agricultura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.