O CIS abre a porta a un goberno de esquerdas en Santiago

CC-BY-SA Praza Pública

O cambio en Compostela é posible. É unha das conclusións que é posible tirar do inquérito preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas para a capital galega. O estudo do CIS, realizado entre o 23 de marzo e o 19 de abril, debuxa un aberto panorama no que o PP de Agustín Hernández ficaría a tres edís dunha maioría absoluta que non podería completar nin pactando con Ciudadanos. Diante de si abriríase a posibilidade dunha alianza de esquerdas encabezada por un PSdeG á baixa e unha Compostela Aberta que emerxería con 5 edís.

O prognóstico do CIS é que a corporación compostelá gañará pluralidade, pasando de 3 a 5 forzas, e nela os máis numerosos serían os edís do PP. A sucesión de escándalos e de ata tres alcaldes diferentes custaríalles aos conservadores só tres ou catro actas, pasando dos actuais 13, limiar da maioría absoluta, a 9 ou 10. Por tras deles estarían os socialistas, que con Francisco Reyes á fronte empeorarían o resultado conseguido por Xosé Sánchez Bugallo en 2011, convertendo os 9 asentos de hai catro anos en 6.

A terceira forza en número de concelleiras e concelleiros sería Compostela Aberta, que con Martiño Noriega como candidato á alcaldía debutaría no panorama electoral da capital con 5 concelleiros. A hipotética alianza de esquerdas completaríase co BNG, que tería 2 concelleiros, un menos que na actualidade. Ese mesmo número de actas serían as de Ciudadanos, formación representada na cidade polo ex concelleiro do PP Javier Sánchez-Agustino.

Caída de dez puntos do PP

Esta nova composición no Concello de Santiago sería o resultado dunhas votacións nas que, segundo a estimación do CIS, o PP perdería 10 puntos a respecto de 2011, pasando do seu extraordinario 43% a apenas o 33%. O PSdeG tamén perdería apoio cidadán, cun 23,2% que son sete puntos menos que hai catro anos. Compostela Aberta sería a terceira forza segundo esta estimación, que lle outorga un 19,8%, e o BNG, a cuarta, cun 8,6% que supón unha perda de algo máis de catro puntos. Ciudadanos ficaría case tres puntos por riba do limiar para obter representación e chegaría ao 7,9%.

O 30% das persoas enquisadas responden que aínda "non saben" a quen votarán

Segundo os datos de voto directo, os resultantes das respostas directas das 500 persoas enquisadas antes de aplicarlles as análises estatísticas, o PP sería a primeira forza (17,4%) e a segunda sería Compostela Aberta (13,6%). En terceiro lugar situaríanse os socialistas, ao que lles dan o seu apoio o 8,4% das persoas enquisadas, e no cuarto, o partido de Albert Rivera, co 4,8%. O BNG ten o 4,4% do voto directo e Compromiso por Galicia, o 1%. Segundo este indicador ata o 30% da veciñanza compostelá aínda "non sabe" a quen lle vai votar.

O prognóstico de hai catro anos

Este prognóstico do CIS chega catro anos despois de que a entidade estatal augurase para Compostela un panorama que finalmente non se cumpriu. Aquel inquérito de 2011 prevía que o PP de Gerardo Conde Roa ficaría ás portas do bastón de mando e indicaba, polo tanto, que PSdeG e BNG poderían seguir gobernando. Pero, como é sabido, isto non foi o que sucedeu.

En 2011 o CIS auguraba que o PP non tería a maioría absoluta que finalmente logrou

Concretamente, a enquisa de hai catro anos dáballe ao PP 10 ou 11 concelleiros e nas urnas logrou 13. Mentres, aos socialistas asignáballe 10, e tivo 9. Algo semellante sucedeulle ao BNG, formación á que o CIS lle daba 4 edís , un máis dos que tivo. Asemade, o CIS indicaba que Esquerda Unida podería lograr un acta, pero quedou ás portas de conseguir representación.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.