O CIS augura que o PP podería manter a súa maioría absoluta intacta en Galicia

Prognóstico do CIS para as eleccións do 25-S CC-BY-SA Praza Pública

Os únicos cambios, na oposición. É o panorama que debuxa a enquisa preelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) para as eleccións do 25 de setembro. O que será o inquérito máis completo ata a cita coas urnas augura que o PP de Alberto Núñez Feijóo oscilaría entre os 40 e os 41 escanos, isto é, tantos como os logrados en 2012.

A sondaxe augura un empate técnico do PSdeG e En Marea na segunda posición

As oscilacións que prognostica o CIS daríanse na banda opositora a comezar polo PSdeG, que pasaría de 18 escanos a 16, e a seguir polo BNG, que segundo esta sondaxe perdería cinco dos seus asentos actuais na Cámara ata quedar en 2. En Marea, pola súa banda, melloraría os resultados de AGE logrando entre 15 e 17 escanos. Socialistas e En Marea estarían, di o estudo, empatados nun 19,9% dos votos. Sempre segundo este estudo, Ciudadanos estaría á beira da representación, con entre 0 e 1 escanos.

Segundo os resultados desta investigación, as do 25S serían unhas elección cunha alta participación -un 73,3% das persoas enquisadas aseguran que irán votar- e a indecisión sitúase no 35,8%. Entre quen dubidan entre diversas opcións políticas, a maior porcentaxe de dúbida sitúase entre o PSdeG e En Marea, cun 12,1% de persoas indecisas, seguidas por quen non saben se votarán polo PP ou polo PSdeG, un 10,9%. Mentres, case un 7% do electorado indeciso baralla apoiar o BNG ou En Marea. Neste escenario, o 85% "cre" que o PP vai gañar, mentres que ao 33,4% lle "gustaría" que isto sucedese.

Por provincias, o estudo augura que a única perda do PP estaría na provincia de Pontevedra, onde pasaría de 11 a 10 escanos. Nesa circunscrición os socialistas manterían os 5 de hai catro anos, En Marea lograría 5 ou 6 fronte aos 3 de AGE en 2012, o Bloque obtería un dos seus dous representantes e Ciudadanos estaría á beira de entrar no Parlamento, xa que estaría, segundo o CIS, ao bordo do 5% dos votos. Na provincia que elixe un terzo da Cámara, a da Coruña, o CIS augura que os conservadores manterían os 13 deputados e o 45% dos votos. En Marea sería neste caso segunda forza, con 6 escanos, e o PSdeG conservaría 5.

Nas circunscricións interiores o dominio popular sería evidente, segundo o CIS: en Lugo os de Feijóo terían os mesmos 9 escanos que en 2012 aínda que a provincia elixe un menos. O PSdeG pasaría de 4 a 3 e En Marea lograría 2, mentres que AGE tivo 1. O BNG, pola súa banda, perdería o seu asento lucense. En Ourense a sondaxe sinala que o PP estaría entre os 8 ou 9 escanos, mentres que os socialistas pasarían de 4 a 3 e En Marea optaría a 2 ou 3.

O CIS de 2012

Este prognóstico do CIS chega catro anos despois de que a súa sondaxe previa ás eleccións galegas de 2012 bosquexase un panorama que apenas tivo que ver coa realidade no que á distribución de escanos se refire, alén de adiantar que o PP retería a absoluta que conseguira en 2012. Daquela o inquérito situaba aos de Feijóo cos escanos xustos para a maioría, 38, seguido dun PSdeG que apenas perdería un escano e tería 23 ou 24 e co BNG asentado na terceira posición, en 12 ou 13 escanos. Mentres, a AGE adxudicáballe un asento no Parlamento.

En 2012 o CIS outorgáballe ao PP 3 escanos menos dos que tivo e deixaba a AGE só con 1

No entanto, a maioría do PP foi máis ampla do augurado, chegou aos 41 escanos malia perder máis de 100.000 votos, e a erosión da que fora oposición durante os catro anos anteriores tamén foi maior: os socialistas que daquela lideraba Pachi Vázquez ficaron en 18 escanos e o BNG, con Francisco Jorquera á cabeza, descendeu ata os 7. Pola súa banda, AGE emerxía na Cámara como terceira forza, con 9 escanos, tres dos cales rematarían no Grupo Mixto durante a lexislatura.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.