O comité ético dimitiu tras advertir que Baltar "non admite" nin "nega" a oferta de emprego por sexo

José Manuel Baltar © Deputación de Ourense

Foron por unha "resposta clara e contundente" e atopáronse cunha defensa vaga. Os que ata este xoves eran membros do comité de ética da Deputación de Ourense, organismo creado e publicitado por José Manuel Baltar como modelo de "transparencia", decidiron abandonar os seus cargos tras non obter unha resposta "satisfactoria" do presidente no caso do seu presunto ofrecemento de emprego por sexo, da que o barón popular, explican, se defende formalmente, pero nin negar os feitos. E ante este panorama, decidiron que o seu labor carecía de sentido.

Na súa última acta como membros do comité, á que tivo acceso Praza Pública, o catro dimisionarios explican que, tras comezar a abordar o caso a petición do PSdeG, reclamaron que Baltar expuxese  por escrito e "coa maior claridade" a súa versión dos feitos. "Lido e analizado o escrito", o comité de ética "non considera satisfactorias estas respostas, que adoptan un contido xurídico e político" ao que "o comité é alleo", explican.

Os dimisionarios indican que "non puideron ser alleos ao alcance social e mediático producido polos feitos"

Ao que "non puideron ser alleos", advirten, é ao "alcance social e mediático producido polo feitos obxecto de debate", a denuncia contra Baltar por ofrecer emprego a cambio de sexo e as gravacións nas que se gaba de poder cambiar o resultado dun proceso selectivo. Estes "feitos", destacan, "prexudican gravemente a imaxe do señor presidente e da institución provincial", algo que "non ten nada que ver coa presunción de inocencia" á que Baltar apela recorrentemente e que, evidencian, "antínxelle como a calquera outro cidadán".

Fronte á contundencia reclamada, o retruque de Baltar "fai que o comité non poida pronunciarse, xa que, defendéndose, non admite pero tampouco nega a realidade dos feitos". Neste contexto, os membros do comité indican que chegaron á "convicción da inoperancia" do propio organismo para abordar este caso e por iso dimitiron.

"Un esperpento"

"É lamentable que dimita o comité de ética antes que o presidente"

Para o portavoz do PSdeG na Deputación, que iniciou o procedemento ante o comité, este episodio non é máis que "un novo esperpento" dentro dunha situación "politicamente insustentable". Para Ignacio Gómez resulta "moi curioso e lamentable que o comité de ética dimita antes que o presidente", o mesmo mandatario que creou este organismo para presentarse como "adaíl da transparencia".

A xuízo do deputado socialista, os membros do comité, "de acreditada experiencia profesional -representaban a institucións como o Colexio de Avogados, Transparencia Internacional ou a Universidade de Vigo-", acabaron "arrepentidos de formar parte dun paripé". "Se hai delitos ou non, xa o veremos", indica Gómez, a cuxo xuízo a Baltar non queda xa máis saída que "marchar á súa casa".

José Manuel Baltar © Deputación de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.