O Concello da Coruña gastou case 400 mil euros na cabalgata de Reis

O Goberno municipal coruñés gastou 376 mil euros na cabalgata © Concello da Coruña

O Concello da Coruña gastou máis dun millón de euros nos festexos de nadal (exactamente 1.029.064,91 euros). E tan só na cabalgata de Reis dilapidou case 400 mil (375.764,35 euros), segundo os datos aos que este luns tivo acceso e difundiu o BNG. O Bloque salienta que o Goberno municipal tamén destinou 214 mil euros ao poboado lapón que construíu no centro da praza de María Pita e que os gastos do alumeado de Nadal se elevaron até os 422.441 euros.

O Concello da Coruña gastou máis dun millón de euros nos festexos de nadal (exactamente 1.029.064,91 euros)

O Grupo Municipal do BNG rexeita que se empregue "tal cantidade de cartos públicos no nadal, cuxos gastos poderían ser moitísimo máis reducidos". E sinala que "o excesivo gasto neste ostentoso nadal responde á política de pouco pan e moito circo do PP na cidade da Coruña", lembrando que xa nas últimas festas de María Pita se dedicaron ao redor de dous millóns de euros das contas públicas. O Bloque critica que o PP gaste "esta cantidade obscena" cando "recorta en cultura e en servizos sociais". "Mentres non hai cartos para a compra de libros nas bibliotecas e mentres hai familias que seguen á espera dunha axuda de emerxencia social que non chega, o Goberno do Sr. Negreira non ten reparo en gastar máis de un millón de euros só no nadal", engaden.

O Bloque subliña que debe haber outras prioridades para a acción do goberno municipal e para o gasto público e sinala que en setembro, outubro e novembro o desemprego na cidade subiu en 741 persoas e que a día de hoxe se atopa nas 21.698 persoas. A esta cifra, engade, "habería que sumar todas aquelas persoas que xa non se anotan nas listas do paro por teren rematada a prestación e mais o impacto de todas aquelas que se ven na obriga de emigrar por non ter acceso a un traballo digno na terra".

O Bloque critica que o PP gaste "esta cantidade obscena" cando "recorta en cultura e en servizos sociais"

Xa hai uns días Esquerda Unida denunciara a contratación dunha empresa de seguridade privada para esta cabalgata de Reis, un contrato concedido a Eulen por case dez mil euros, e que se viña a sumar aos case nove millóns de euros gastados polo Goberno de Carlos Negreira en seguridade privada ao longo desta lexislatura.


Relación dos gastos realizados polo Concello da Coruña nos festexos de Nadal

  • Cabalgata: 375.764,35 euros

Pasarrúas Manicómicos: 39.314 euros
Aristides Tonet Vieira Dias: 50.699 euros (Les Minuscles e Les Gnomikys)
D collage Art i Difusio S.L.: 37.595,04 euros
Musics de Girona SCCL (Charanga Dixie Boys) : 3.015 euros
Asociación Cultural e Muscial desde Galicia Tocando (Charanga DGT): 800 euros
Asociación Cultural e Musical Charanga Compostela (Charanga Compostela): 800 euros
Axiña Servizos Deportivos (servizo de acompañamento): 17.600 euros
José Carlos Vega Primo (aluguer 8 trens): 14.641 euros
CEGA congresos audiovisuais (aluguer equipos de luz, son e audiovisuais): 20.824,10 euros
Ediciones y Producciones Empresariales SAU (8.000 kg de caramelos): 16.016 euros
Pegadas Sociedade Cooperativa (camisetas serigrafiadas): 9.429 euros
Persoal complementario Sermasa: 6.560,08 euros
Galicia Vella de Inversiones y Logística (cátering): 201,47 euros
Seguridade Eulen: 9.465,54 euros
Varios (speaker, transporte de nenos e compañías, disparo de confeti, traslado de materiais, enganches, iluminación trens): 30.000 euros
Varios (aluguer de infraestruturas, valadas, saúdo real, carpas, aluguer de estruturas para a chegada dos reis magos, torre para o lanzamento de confeti): 20.000 euros
Varios (pulseiras, globos de led, chocolate cartaces, vinilos, complementos figurantes): 18.000 euros
Varios (limpeza): 943 euros
Carrozas aluguer. Axiña servizos deportivos: 79.860 euros

  • Poboado lapón: 90.408,5 euros montaxe, 90.750 euros animación e 11.151,36 euros seguridade. Falta coñecer os gastos de publicidade, que o ano pasado ascenderon a 21.628,75 euros só no que respecta aos 125 valados publicitarios instalados no exterior. Total: 213.938,61 euros
  • Belén municipal e visitas papá noel: 8.698,8 euros
  • Belén municipal e reis magos: 8.221,9 euros
  • Alumeado ornamental da campaña navideña: 422.441,25 euros
O Goberno municipal coruñés gastou 376 mil euros na cabalgata © Concello da Coruña
A cabalgata xa recibira críticas por contratar unha empresa de seguridade privada © Concello da Coruña
A cabalgata reuniu 155 mil persoas, segundo o Concello da Coruña © Carlos Negreira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.