O Concello da Coruña rexeita a remunicipalización das bibliotecas

© Concello da Coruña

O novo goberno local da Coruña rexeita a remunicipalización das bibliotecas prevista desde o anterior mandato. Neste martes, a xunta de goberno bota abaixo o encargo que o anterior executivo da Marea Atlántica dera na pasada primavera á Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (Emvsa) para que asumise a xestión directa de cinco centros, unha fórmula que, segundo se advertira, remataría coas diferenzas laborais e de servizos e con problemas de funcionamento e suporía, ademais, o aforro duns 300.000 euros ao ano. 

As bibliotecas municipais do Fórum Metropolitano, Os Rosais, Sagrada Familia, Durán Loriga e Ágora manterán a xestión privada fronte á publica que xa teñen as do Castrillón, Monte Alto e Estudos Locais

Xa que logo, as bibliotecas municipais do Fórum Metropolitano, Os Rosais, Sagrada Familia, Durán Loriga e Ágora seguirán a ser xestionadas por mans privadas, á espera dunha xestión pública directa como a que xa tñeen as do Castrillón, Monte Alto e Estudos Locais. 

A alcadesa da cidade, Inés Rey, aclara que o que o novo goberno socialista fai é “cumprir coa legalidade” ao retirar a encomenda feita a Emvsa por “non garantir os postos de traballo nin a estabilidade para o persoal”. En declaracións á Radio Galega, a rexedora aclara que o PSOE –xunto co PP e a abstención do BNG– xa votara en contra o pasado 8 de maio da proposta para a modificación dos estatutos da empresa municipal que lle permitise a xestión directa das cinco bibliotecas. “Seguimos pensando que iso non é axustado a dereito”, insiste. 

Biblioteca municipal da Coruña © Concello da Coruña

Desde o goberno local consideran que sería ilegal que Emvsa asumise o persoal sen un concurso público aberto a calquera aspirante, razón pola que sacará a concurso unha nova concesión para os vindeiros anos. Os traballadores das bibliotecas serían subrogados pola empresa que se impoña no concurso.

O grupo municipal da Marea Atlántica, pola contra, acusa o goberno local de “falta de valentía política” e de "renunciar a defender o público". A voceira, María García, asegura que o Concello “bota pola borda tres anos de traballo xurídico e unha vía para enfrontarse ás leis de austeridade impostas por Rajoy que podía servir de exemplo noutros municipios e institucións”. “Inés Rey, coma Pedro Sánchez, parece non estar disposta a desafiar as privatizacións”, denuncia. 

A Marea acusa o goberno local de “botar pola borda tres anos de traballo xurídico e unha vía para enfrontarse ás leis de austeridade impostas por Rajoy que podía servir de exemplo"

O plan elixido pola Marea consistía en que Emvsa se encagase do servizo das bibliotecas a tráves dun contrato de cinco anos prorrogalbe e por un valor de case 2,3 millóns de euros, 300.000 euros menos que a cantidade que nos orzamentos deste ano se reservara a través da concesionaria. Os reparos do interventor e o asesor xurídico da empresa pública e a oposición do secretario municipal ao proceso previsto pola situación na que se colocarían os postos de traballo levaron ao voto negativo de PP e PSOE e á abstención do BNG, que criticou o xeito de encarar a remunicipalización. Ás dúbidas sobre o futuro laboral engadírase logo o informe da asesoría xurídica do Concello, que se mostraba favorable pero que advertía de que a subrogación dos traballadores debería ir acompañada dunhas probas selectivas abertas a calquera interesado. 

O goberno da Marea Atlántica decidiu, daquela, aprobar un contrato ponte que permitise gañar tempo para resolver os atrancos e dúbidas xurídicas, logo de que a concesión de LTM Servicios Bibliotecarios rematase no mes de xaneiro. Houbo impagos das nóminas en abril e unha ameaza de folga finalmente retirada tras o abono dos salarios. Ademais, esa contratación sen concurso por medio ano foi rexeitada polo Tribunal Administrativo da Contratación Pública de Galicia ao non terse aberto un proceso de concorrencia competitiva. 

“O proceso de municipalización, complexo e traballado, contaba con informes favorables da asesoría xurídica municipal e do oficial maior do Concello, que defendían a súa viabilidade. Pero o goberno do PSOE prefire atender ao único informe desfavorable, emitido polo secretario municipal, que non é vinculante”, di a Marea Atlántica. 

"O que non vou facer é falar alegremente da remunicipalización de servizos sen ter o apoio ou argumentación xurídica para facelo con rigor", di Inés Rey

“Non entendemos que se empreguen os postos de traballo como escusa, cando estaba garantidos na municipalización, a través da subrogación na empresa municipal Emvsa”, explica María García, portavoz do grupo, que lembra que se faría “dun xeito semellante á recuperación dos parques comarcais de bombeiros levada a cabo pola Deputación da Coruña e a Xunta”. 

Ademais, a Marea alude tamén ao feito de que os procesos de contratación levados a cabo polo PP aproveitando esta “vía privada” nas bibliotecas municipais “están xudicializados e motivaron un rexistro policial da sede da Concellería de Cultura no ano 2016”.

A alcadesa, Inés Rey, lembra as "implicacións" de "estabilidade, futuro, estatuto profesional e garantías" para o persoal das bibliotecas, polo que opta por "estudalas con rigor xurídico e non frivolizar co tema". "O que non vou facer é falar alegremente da remunicipalización de servizos cando me poñan un micro diante sen ter o apoio ou argumentación xurídica para facelo con rigor", engade a rexedora, que non descarta "estudar" a remunicipalización deste e doutrs servizos no futuro "pero caso debidas garantías xurídicas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.