A policía leva contratos do goberno do PP na Coruña por presunto tráfico de influencias

Edificio Ágora, na Coruña © Concello da Coruña

Novos sobresalto policial vinculado ao anterior goberno do Concello da Coruña. Efectivos da policía xudicial achegáronse este mércores á sede da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e máis á casa consistorial coruñesa, no Pazo de María Pita, á procura de contratos da etapa do PP nunha investigación de presunto tráfico de influencias.

Segundo puido saber Praza.gal o rexistro enmárcase nun caso sobre o que pesa o segredo de sumario e que vén sendo instruído dende o Xulgado de Instrución número 1 da Coruña. Segundo as fontes consultadas por este diario o xuíz instrutor ordenou á Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) recabar a documentación a finais do pasado febreiro, e esa incautación vén de se facer efectiva.

Un dos expedientes incautados refírese á adxudicación das bibliotecas municipais a Eulen por máis de 2 millóns

Trátase, nomeadamente, de dous expedientes. Un deles, do ano 2011, refírese ao subministro de libros para unha das salas de lectura do centro Ágora, un espazo sociocultural inaugurado en 2012 e que tamén está baixo a lupa da xustiza no marco do caso Pokémon, cuxa instrutora, Pilar de Lara, sospeita de irregularidades en diversas contratacións. 

O segundo expediente que Aduanas levou consigo este mércores é do ano 2012 e está ligado ao contrato de servizos complementarios das bibliotecas da cidade. Este servizo foi adxudicado daquela á empresa Eulen e o seu importe superaba os 2 millóns de euros. A irmá do presidente da Xunta, Micaela Núñez Feijóo, é apoderada desta compañía, sobre cuxas concesións preguntou a oposición varias veces. 

O rexistro derívase das dilixencias abertas logo da denuncia dun particular, o titular da empresa LTM Servicios Bibliotecarios, que intentara anular xudicialmente o contrato do Concello con Eulen e que presentou a devandita querela tras competir no mesmo concurso con esta compañía. 

Desde a Marea Atlántica, nun comunicado, lamentan que a cidade "sexa noticia polas investigacións sobre tráfico de influencias que se arrastran da etapa do PP". Tras aclarar que respecta a presunción de inoncencia, a plataforma municipalista "lamenta unha vez máis que a corrupción estea instalada no Estado español como unha forma de goberno" e di amosar "de novo" o seu "compromiso cunha política baseada en principios de honestidade, transparencia e rendición de contas".

"Resulta chocante que o PP teime en presentarse a si mesmo como un exemplo de 'boa xestión' cando o seu legado presenta enormes sombras que falan de redes de colocación de amizades ou de contratacións dubidosas", di a Marea Atlántica. 

O BNG lembra que xa denunciara en novembro de 2011 as posíbeis irregularidades na adxudicación a Eulen

Ademais, o BNG lembra que xa denunciou en novembro de 2012 as posíbeis irregularidades na adxudicación a Eulen dos servizos complementarios das bibliotecas polo que non lle "sorprenden" que sexan investigadas. Naquela altura, segundo din as nacionalistas, xa sinalaban que "houbera dous informes distintos para a valoración das ofertas económicas, así como erros de cálculo nun dos informes e cambios de criterio".

"Agardamos que as investigacións xudiciais aclaren definitivamente o por que foi adxudicataria Eulen e que se depuren responsabilidades atinxan a quen atinxan”, asegura a voceira do Bloque no Concello, Avia Veira. 

Carlos Negreira e o seu equipo de goberno antes dun pleno © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.