O pleno municipal de Cedeira aprobou o pasado 1 de agosto a concesión do albergue "Os Pinos" á Organización Juvenil Española (OJE), fundada en tempos de Franco e vinculada a Falange. O acordo é por dez anos e a custo cero. A proposta saíu adiante co sete votos do Partido Popular, pese ao rexeitamento dos concelleiros da oposición (dúas do PSdG e dous de BNG), segundo recolle o acordo plenario publicado na plataforma de contratación da Xunta, onde o procedemento "restrinxido" foi rexistrado o pasado día 7 e este mércores aínda aparecía, non obstante, como "pendente de adxudicar".
A decisión adoptada polo consistorio de Leopoldo Rubido (PP), alcalde dende 1973, levantou a polémica entre a oposición e a veciñanza. A OJE, beneficiaria do acordo, foi fundada na década do sesenta baixo a dependencia da Secretaría General del Movimiento.
Tras a morte de Franco, e unha vez iniciado o período democrático, a Organización Juvenil Española centrouse na organización de actos lúdicos para nenos "transmitindo valores de espiritualidade, solidariedade, xustiza, liberdade, servizo...", segundo recolle a súa web. No seu portal de internet, esta organización ofrece multitude de imaxes acerca das actividades desenvolvidas en diversas comunidades autónomas. Nesas fotografías obsérvase multitude de nenos uniformados con camisa azul, e adornados coa bandeira de España no peito. A identidade visual, na que predominan as cores vermello, amarelo e azul, tamén evoca tempos pasados. O símbolo da OJE está formado por unha cruz e un león, acompañado polo slogan "que a liberdade, túa e miña, sexa bandeira e procura incansable".
A OJE foi fundada nos anos 60 baixo a dependencia da Secretaría General del Movimiento e con vínculos con Falange
Co fin de realizar "actividades culturais-deportivas e educación medio ambiental", dita organización gozará das instalacións de forma gratuíta, asumindo unicamente os "gastos derivados das subministracións de auga, luz, lixo e IBI" segundo indica o acordo municipal. Previamente deberá achegar unha fianza de 6.656,91 euros, que lle será reintegrada ao finalizar o acordo.
O mesmo alcalde decidiu en 1977 erguer un monolito de homenaxe a Franco
Non é a primeira ocasión na que Leopoldo Rubido, alcalde de Cedeira desde 1973, se ve envolvido en polémicas similares. Rubido decidiu en 1977 construír un monólito en honra ao ditador.
O alcalde de Cedeira é o segundo dirixente do PP galego envolvido este verán nunha polémica relacionada coas súas filias co franquismo. O pasado 26 de xullo o alcalde de Baralla (Lugo) asegurou que os asasinados polo franquismo fórano "porque o merecían".