A empresa ATCON (Activades Construcións e Voladuras) é unha das sociedades elixidas de xeito frecuente polo concello de Ourense para a execución de obra pública. Por exemplo, encargouse nos últimos meses de executar, entre outras actuacións, a dotación de equipamentos para un dos edificios do Parque Forestal de Montealegre por un valor de 223.000 euros, a restauración do salón do plenos do edificio municipal cun orzamento de 111.799 euros, traballos no pavillón polideportivo dos Remedios por 227.000 euros, melloras no centro cívico de O Ceboliño por 121.462 euros, entre outras.
Foi ATCON, unha empresa dedicada a construción, quen se encargou de comprar os mobles de oficina
Un dos últimos traballos de ATCON para a administración local tivo lugar no pechado parque forestal de Montealegre, pensado nun primeiro momento como xardín botánico, e onde se investiron máis de 3,6 millóns de euros procedentes do Plan E. Neste recinto pechado e sen ningún tipo de actividade construíronse dous edificios e foi ATCON, unha empresa dedicada a construción, quen se encargou de comprar os mobles de oficina. Na factura, á que tivo acceso Praza, emitida por un valor de 223.000 euros, detállase o material subministrado: mesas, cadeiras, programas informáticos, vertedeiros....ademais da posta en marcha da iluminación perimetral e interior do inmoble, hoxe pechado, a pesares de ser inaugurado no mes de xuño.
Gumersindo Álvarez Martínez é curmán do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez.
A empresa ATCON beneficiaria da obra pública municipal está administrada por Gumersindo Álvarez Martínez e por José Carlos Crespo Pérez, ambos únicos accionistas. Un dos administradores e tamén accionista, Gumersindo Álvarez Martínez, ten esta mesma condición en Costruccións e Promocións SL (CRUZVAL). Ademais Gumersindo Álvarez Martínez é curmán do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez.
A empresa Cruzval e o representante do Goberno galego en Ourense, Rogelio Martínez, están sendo investigados pola presunta implicación no desvío de fondos comunitarios ao realizar determinadas obras públicas no concello de Arnoia
A empresa Cruzval e o representante do Goberno galego en Ourense, Rogelio Martínez, están sendo investigados pola presunta implicación no desvío de fondos comunitarios ao realizar determinadas obras públicas no concello de Arnoia. Neste sentido, os socialistas desta localidade do Ribeiro denunciaron que Cruzval levantara no seu día un muro de pedra nunha das viñas de Martínez e outro nas viñas do fillo do rexedor popular, José Fariñas. Ademais, a construtora é a mesma que levantou un tanatorio aprobado polo delegado da Xunta sobre un terreo catalogado pola Dirección Xeral de Patrimonio.
Durante os últimos anos a empresa dirixida por Gumersindo Álvarez foi a gran beneficiada pola adxudicación de obra na mancomunidade do Ribeiro e no propio concello
Durante os últimos anos a empresa dirixida por Gumersindo Álvarez foi a gran beneficiada pola adxudicación de obra na mancomunidade do Ribeiro e no propio concello. Desta volta, outra empresa, xestionada polo mesmo administrador converteuse tamén na gran beneficiada da licitación do concello ourensán, a pesar da investigación en curso sobre o uso de fondos comunitarios e coa sorpresa de que. a pesar de que se dedica á construción, no Parque Forestal de Ourense se encargou de amoblar as oficinas xa construídas.