O Concello de Santiago gasta medio millón en redecorar todas as rotondas

Rotonda nas inmediacións do complexo administrativo de San Caetano © Google

Hai demasiado tempo que a actualidade municipal de Santiago vai alén da xestión ordinaria dun Concello e mesmo dos avatares da política local. Sospeitas, enfrontamentos internos, imputacións, dimisións polas bravas, medias verdades e mentiras enteiras ocupan os titulares de prensa, os debates nos plenos e boa parte do tempo do goberno dun PP que, máis que gozar, padece a súa primeira maioría absoluta na capital de Galicia. Nos últimos tempos o gabinete que dirixe Ángel Currás semella tentar abrirse paso entre as tribulacións cunha aposta por accións nas que as Administracións locais acostumaban a prodigarse en tempos de bonanza económica, como reformas e embelecementos de rúas ou instalacións múltiples de novos parques infantís. A última destas operacións vai destinada a un dos elementos urbanos que pasou de ser exótico a medrar como fungos polo país: as rotondas.

Segundo datos da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible do consistorio Compostela "conta actualmente con 93 rotondas e unha mediana" que, a xuízo do goberno local, cómpre redecorar. Para isto o gabinete conservador reserva algo máis de medio millón, concretamente 502.721 euros para financiar "un conxunto de accións co obxectivo de mellorar a calidade estética, ambiental e de uso de sistema de espazos verdes que conforman as rotondas" que realizará a empresa Cespa. Todo isto, aseguran, sen esquecer os principios de "sostibilidade, viabildiade e optimización de recursos".

O goberno compostelán afirma que van "reforzar a personalidade da cidade" redecorando as rotondas

A titular deste departamento, María Pardo, foi a encargada este martes de presentar ante a prensa os obxectivos da súa concellaría para estes espazos circulares. "Os obxectivos móvense en dous niveis". Un "estético" e "estilístico", que "reforce a personalidade da cidade nas súas diferentes perspectivas: cultural, paisaxística e socioeconómica" e outra "ambiental, que optimice os recursos que supoñen o seu mantemento". Con esta filosofía como base o consistorio lánzase a un plan de embelecemento dos máis de 100.000 metros cadrados de rotondas compostos por, a saber: máis de 62.000 metros cadrados de céspedes, máis de 7.000 de pradarías, case 30.000 "de arbustos e perennes" e 3.000 máis de "plantacións anuais de flor".

Decoración "colorista" contra a "monotonía"

Neste contexto, cabe preguntarse que necesidades detectou o Concello santiagués para acometer tal proxecto. "O que se detectou -explican dende o Pazo de Raxoi- é que nas rotondas da cidade existe unha evidente monotonía na súa decoración e o que se pretende con esta mellora é que estes espazos se convirtan en lugares con vocación diferenciada e susceptibles de acoller unha decoración máis colorista e botánica". "Para desenvolver isto" dende Urbanismo distinguen seis tipos de rotondas con cadanseu estilo decorativo.

O Concello asegura que vai converter as rotondas en "lugares con vocación diferenciada, susceptibles de acoller decoración colorista e botánica"

Así, nos "espazos viarios asociados ao Camiño de Sanitago" as rotondas "tentarán reflectir o ceo no chan, proxectando as texturas e cores de Vía Láctea". No entorno do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, os motivos irán "asociados á presenza dos diferentes edificios institucionais". No barrio de Fontiñas teranse en contas "servizos presentes no devandito ámbito" como pavillóns e colexios. As denominadas rotondas "periurbanas" ligaranse "á paisaxe rural ou de vexetación do seu ámbito", as "comerciais", no polígono de Costa Vella, "estarán determinadas pola súa vocación en canto ao continuo fluxo de usuarios" as áreas comerciais e as do polígono do Tambre "trataranse de xeito diferenciado a respecto do seu deseño e mantemento".

María Pardo, voceira e edil de Urbanismo de Santiago © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.