O Congreso abrirá o 8 de marzo o relatorio para o estudo da reforma da Lei Electoral Xeral (Loreg), unha das materias pendentes que arrastran os grupos parlamentarios desde hai varias lexislaturas. Os traballos levarán a cabo no marco dunha subcomisión dependente da Comisión Constitucional do Congreso, tal e como se comprometeu o PP no pacto de investidura asinado con Ciudadanos. Pero só hai un punto no que os partidos estean de acordo, na eliminación do voto rogado que desde 2011 puxo fin a un sistema de voto exterior sen garantías e marcado polo descontrol e que converteu a participación do exterior en residual e, adicionalmente, engadiu dificultades para as persoas que residen temporalmente no estranxeiro.
O Congreso abre este 8 de marzo o relatorio para o estudo da reforma da lei electoral
Albert Rivera anunciou hai varios meses que a súa intención era "liderar" esta reforma co fin de que a nova lei electoral sexa "máis xusta e proporcional". Nas últimas eleccións xerais do 26X o líder de Ciudadanos atribuíu a perda de 8 escanos á "inxusta lei electoral" e insistiu na necesidade de cambiala. Agora móstrase satisfeito de que por fin os conservadores abrisen a porta á reforma, lamentando que durante todos estes anos "os vellos partidos tivesen blindado un sistema que estaba pensado para catro anos", porque a lei vixente especifica no seu preámbulo que se fixo só para unha lexislatura.
Para que chegue a bo porto a reforma da Loreg é necesario un amplo consenso entre os grupos parlamentarios, algo que nestes momentos albíscase moi difícil. As medidas que defenden os partidos baten nalgúns puntos fundamentais.
Ciudadanos propón aumentar a 400 os escanos, 350 deles elixidos en lista provincial e 50 en lista estatal sobre os restos
Ciudadanos reclama un modelo inspirado no sistema alemán, con listas desbloqueadas, a implantación dun sistema de repartición de escanos máis proporcional e facer que os votos vallan igual independentemente do territorio onde se emitan. Para empezar, apostan por que o número de deputados aumente até o 400 pero cun recorte do Senado, dado que ven imposible que gañe a súa aposta por pechalo. Deses 400 escanos, 350 serían elixidos en lista provincial con voto preferente segundo o método d'Hondt. A cada provincia corresponderíalle un escano como mínimo (máis un para Ceuta e outro para Melilla), e o resto asignaríase de forma proporcional á poboación.
Os 50 escanos restantes serían escollidos en lista estatal pechada e bloqueada sobre a agrupación de restos (votos non traducidos en escano) de cada partido nas distintas provincias. Os votos en branco contabilizaríanse como os de calquera outro partido e os escanos que correspondan na repartición quedarían baleiros.
Ciudadanos tamén expón que a lei estableza a limitación de mandatos do presidente do Goberno a dúas lexislaturas consecutivas como máximo, ao que o PP xa está a pór reparos.
A polémica supresión do Senado
Os de Rivera avogan tamén pola supresión do Senado, ao que o PP se nega en rotundo, mentres o PSOE circunscríbeo a que se rebaixe o número de escanos e convertelo nunha verdadeira Cámara territorial. Podemos, pola súa banda, limítase a propugnar para a Cámara Alta un sistema de maior proporcionalidade na súa representación.
O PP négase á supresión do Senado que pretende Ciudadanos; o PSOE quere unha Cámara territorial e Podemos pide máis proporcionalidade
Aínda que fontes do grupo conservador afirman que están "abertos ao diálogo" e van pór "todo da súa parte para alcanzar o consenso", hai algúns aspectos nos que as posturas están enfrontadas tanto cos de Rivera como co PSOE. En concreto, unha das medidas que quedou selada nos dous pactos e que debería implementarse na lei é que os imputados ou investigados por corrupción non poidan estar nunha lista electoral nin manterse no seu escano. No PP puxérono en dúbida logo da morte de Rita Barberá.
O PP insiste en propor o veto ás coalicións de goberno para que goberne a lista máis votada
Os conservadores están abertos a que haxa un sistema electoral de dobre volta pero queren cambios para que goberne directamente a candidatura máis votada e evitar así situacións de "ingobernabilidade" como a que se viviron tras as dúas últimas eleccións. Este veto ás coalicións de goberno foi unha proposta moitas veces lanzada en Galicia por Feijóo e o PPdeG, que nunca se atreveron de vez a poñela enriba da mesa.
Os socialistas fan fincapé na necesidade de abrir o voto aos mozos de 16 anos conscientes de que é unha boa bolsa da que carece agora o PP. Esta modificación encamiñada a rebaixar a idade mínima electoral, que na actualidade está nos 18 anos, xa a tentou ERC. Pero o PP, Ciudadanos e o PNV aliáronse para tombar a iniciativa.
Listas cremalleira por lei
O PSOE tamén propón que se aprobe o voto electrónico, garantir a paridade mediante o sistema de lista cremalleira e posibilitar de forma efectiva o exercicio do voto ás persoas con discapacidade que hoxe non poden exercelo. Outra das súas propostas é regular a celebración de debates electorais, coa creación dunha Comisión Independente de Organización de Debates formada por profesionais do xornalismo de recoñecido prestixio.
Unidos Podemos propón "cambiar a circunscrición electoral provincial actual pola comunidade autónoma"
Desde o grupo confederal de Unidos Podemos-En Común Podem-En Marea explican que, entre outras cousas, consideran que hai que "cambiar a circunscrición electoral provincial actual pola comunidade autónoma" e introducir os "revogatorios por incumprimento do programa electoral".
Unidos Podemos e as forzas nacionalistas reclaman a implantación das circunscricións autonómicas
O portavoz adxunto na Comisión Constitucional, Xavier Domènech, aclara que "para mellorar a proporcionalidade deberían evitarse circunscricións de menos de seis deputados, ampliando o número total, fusionando circunscricións pequenas ou mesmo optando pola comunidade autónoma como circunscrición". Os grupos nacionalistas levan tempo tentando que a reforma contemple implantar as circunscricións autonómicas para as eleccións europeas.
Acordo en eliminar o voto rogado
No único que parece haber bastante consenso entre todos os grupos é na necesidade de eliminar o voto rogado para facilitar a participación nos procesos electorais aos residente españois no estranxeiro. Tanto o PP como o PSOE incluíron esa reforma nos pactos asinados con Ciudadanos. O resto dos grupos tamén o ve positivo. Populares e socialistas, hai xa seis anos, pactaran introducir o sistema de voto exterior co que agora pretenden acabar.
PP e PSOE pactaron con Ciudadanos nos seus pactos a reforma do voto rogado que acordaran en 2011
A reforma de 2011 puxo fin a un sistema de voto exterior marcado polo descontrol. As persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA) recibían nos seus domicilios a documentación electoral e podíana remitir de volta, coa papeleta elixida, sen teren que acreditar durante o proceso a súa identidade e nin sequera probar se o nome da persoa que emitía o sufraxio correspondía a alguén vivo ou morto. As célebres sacas de papeletas chegadas da outra beira do Atlántico chegaron a protagonizar episodios de gran tensión electoral; o último, a loita polo escano final de Pontevedra que en 2005 lle puido dar a Manuel Fraga a súa quinta maioría absoluta. Daquel descontrol e ausencia case total de garantías pasouse, di a Xunta Electoral nun informe datado o pasado día 16 de novembro, a numerosos "problemas" que "son de público coñecemento". Ante esta situación, propuxo o voto por internet para os residentes no estranxeiro.
A implantación do voto rogado deixou no mínimo a participación da emigración nos comicios: a abstención no 25-S foi do 98%
Así, como en cada convocatoria electoral dende a instauración en 2011 da obrigatoriedade de solicitar formalmente a votación dende o estranxeiro, a participación das persoas inscritas no CERA está marcada por unha altísima abstención, que nas últimas eleccións autonómicas en Galicia roldou o 98%. Das máis de 446.000 persoas inscritas como "residentes ausentes" apenas 19.700 completaron os trámites para rogar o voto. E delas, unicamente 10.777 remitiron o seu sufraxio en tempo e forma. Nas autonómicas de 2009, non obstante, participara o 30,3% da emigración fronte ao 3,2% das que o fixeran en 2012.
Con todos estes condicionantes, ningún grupo oculta que o debate da lei electoral é "moi complexo" e que haberá que esperar a ver as propostas que se poñen enriba da mesa para ir achegando posturas. Que ese consenso é difícil xa se viu hai ben pouco cando o Congreso aprobou unha reforma exprés da lei para evitar votar o día de Nadal se se repetían por terceira vez as eleccións xerais.
Eses cambios, propiciados polo PP e apoiados polo PSOE e Ciudadanos, limitáronse a regular os procesos de convocatoria de eleccións no caso de que non se pechase unha investidura. Ao final, aínda que a reforma aprobouse, non tivo que aplicarse.