O Congreso frea a lei de UPyD para ilegalizar documentos oficiais non redactados en castelán

Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe CC-BY-SA Manuel Vilas

O 8 de febreiro a ex deputada do PSOE e actual líder do partido Unión, Progreso y Democracia (UPyD), Rosa Díez, uniuse nas rúas de Santiago á asociación Galicia Bilingüe para, a poucos días do inicio da campaña das eleccións galegas, clamar contra unha suposta "imposición" da lingua galega parella, sempre segundo a versión desta forza política, á "discriminación" e mesmo "persecución" do castelán. Tres anos despois daquela marcha, na que xunto a Díez foi posible atopar a actuais membros do Goberno galego como Alfonso Rueda ou á hoxe ministra Ana Pastor, UPyD subiu á tribuna de oradores do Congreso dos Deputados para defender unha particular proposición de lei. A través do seu controvertido deputado Carlos Martínez-Gorriarán instou a Cámara Baixa a aprobar unha lei "contra a discriminación" lingüística que nin sequera convenceu nas bancadas do PP, a priori máis afíns ás teses do partido maxenta en materia lingüística.

UPyD apostaba por que "en ningún caso se teña por válido ningún documento que non conte cunha versión en español"

Botando man dunha especial vehemencia e ante a atenta mirada da súa xefa de filas Gorriarán expuxo o seu proxecto de nove páxinas de extensión, sete delas dedicadas a unha dura exposición de motivos. Nela UPyD considera, por exemplo, que o feito de que nas televisións autonómicas non se empregue o castelán vai contra a Constitución ou que o concepto de "lingua propia" só logra "menoscabar a igualdade entre os españois". Ademais, o texto equipara o ensino das linguas cooficiais na escola ao "pasado dictatorial", xa que "a normalización lingüística pretende converter en normal a supresión de dereitos constitucionais". Estas e outras reflexións levaron o partido a reclamar, entre outras medidas, que as Administracións públicas "erradiquen todas as medidas de política lingüística" que encaixen na súa definición de "discriminación". Máis concretamente propuñan, por exemplo, que "en ningún caso se teña por válido en España ningún documento público que non conte cunha versión en español".

Caamaño e Davila, voces galegas nun debate plurilingüe

A iniciativa de UPyD tivo enfronte un rexeitamento practicamente unánime do resto do arco parlamentario nun debate con dúas voces galegas, a do socialista Francisco Caamaño, que neste caso exerceu como voceiro do PSOE, e a da nacionalista Olaia Fernández Davila que, como o resto de grupos nacionalistas do Congreso, alternou o castelán co uso da lingua propia. Nunha enérxica intervención Caamaño lamentou o intento de UPyD por "retorcer a Constitución e o principio de igualdade" para, de paso, "constrinxir e desapoderar pola porta de atrás ás comunidades autónomas con lingua propia" xa que son estas, lembra, as que teñen a competencia de regular "o alcance e os efectos da cooficialidade".

Caamaño: "Os galegos xa tivemos que saír á rúa para dicirlle a Feijóo que coa nosa identidade e dignidade non se xoga"

En opinión de Caamaño a proposta dos de Rosa Díez "lembra a posición defendida polo PP e o presidente Feijóo na Xunta, que se deixou levar por unha lectura interesada da realidade e crearou un problema coa lingua onde non o había". "Os galegos xa tivemos que saír á rúa a dicirlle a Feijóo que coa nosa identidade e dignidade non se xoga -proclamou- e que as xeracións de galegos vivos non queremos asumir a responsabilidade de que a nosa lingua poida ser, por falta de apoio institucional, unha lingua morta". Por este motivo o deputado do PSOE e cabeza de lista do PSdeG pola Coruña coida que aprobar a iniciativa de UPyD equivalería a dalle natureza legal a "restricións só para os que elixen utilizar unha lingua oficial distinta do castelán e ningunha para os que elixen o castelán".

Davila: "Sigan soñando, que nós seguiremos loitando"

Tamén a voceira do Bloque expresou con contundencia a necesidade de promover a lingua galega dende as institucións, tamén fronte ás "falacias" e "falsidades" de UPyD e grupos afíns, os cales "non pretenden defender o bilingüismo, senón tentar impoñer o monolingüismo". "Sigan soñando, que nós seguiremos loitando", sinalou cara ás bancadas maxentas, nunha intervención que a nacionalista concluíu citando a Castelao para afirmar que "abonda" con que o galego "sexa a fala do pobo traballador para estar dignificada", "pois o galego é unha executoria viva do traballo".

O PP e a "ditadura lingüística"

Ademais dos grupos de esquerda e nacionalistas o rexeitamento chegou tamén, aínda que con matices ben diferentes, dende o PP, cuxa voceira, a balear María de la O Ares, comezou a intervención reprochando a actitude dos deputados e deputadas que empregaran idiomas distintos do español durante os seus parlamentos. "O idioma non pode ser utilizado como instrumento político", di a conservadora quen, non obstante, tamén observa a UPyD instalada no "extremismo". "Non se pode defender ningunha lingua con argumentos que distorsionan a realidade", di Ares, que tamén aproveitou para retrucar as verbas de Caamaño contra Feijóo: "En Galicia apoian a non discriminación por motivo de lingua e o mantemento da cohesión social, así que non faga mitins a respecto de que non defendemos as linguas", sinalou.

Así e todo, normas como a proposta por UPyD non lograrían, segundo o PP, "mudar a situación" en territorios como as Illes Balears, onde o actual goberno popular, di, está a rematr "cunha ditadura catalanista": "Xa dispoñemos de medidas suficientes" e, polo tanto, di, non cómpren achegas de Rosa Díez, "hoxe travestida politicamente de defensora do españolismo", realizando "política paraistaria" e tentando "aproveitarse do que vostedes cren debilidades para facer a súa política populista", mesmo pedindo derrogar leis que, lembra, Díez apoiou como conselleira do Goberno Vasco nos anos 80, onde o PSOE compartía responsabilidades co PNV.

Díez e Gorriarán, no Congreso © UPyD
Rosa Díez, nunha manifestación de Galicia Bilingüe CC-BY-SA Manuel Vilas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.