O Constitucional avaliará se a Xunta cumpre a lei coa designación a dedo de letrados no Consultivo

Feijóo e o presidente do Consultivo, Costa Pillado, nunha imaxe de arquivo © Conchi Paz

O pasado febreiro o PP deu luz verde en solitario no Parlamento á lei de acompañamento dos Orzamentos de 2017, unha fórmula lexislativa sempre controvertida por modificar nun só movemento múltiplas leis sen relación ningunha entre si. Entre as mudanzas desta ocasión, unha vintena, figuraba a liquidación do corpo de letrados do Consello Consultivo, o órgano encargado de velar pola legalidade das medidas que toma a Xunta, mediante unha reforma da lei que o regula. O que para os populares e para o pleno do propio Consultivo é un procedemento correcto que non pon en perigo a independencia da institución e para os letrados, unha "patente ilegalidade", será agora avaliado polo Tribunal Constitucional.

A reforma desta norma foi levada por En Marea ante o tribunal de garantías a través do grupo do que forma parte no Congreso con Unidos Podemos e o Tribunal vén de confirmar que admite o procedemento a trámite. Na última xuntanza do seu plenario, o pasado día 20, o Constitucional asume o asunto e, como corresponde, abre un prazo de 15 días para que o Congreso, o Senado, o Parlamento ou a Xunta poidan concorrer ao procedemento e "formular as alegacións que estimen convenientes". A admisión a trámite, resalta o Constitucional, "non supón pronunciamento ningún sobre o fondo" da cuestión, a respecto do cal o Tribunal "resolverá en próximas datas".

O tribunal admite a trámite o recurso presentado por En Marea contra a reforma aprobada polo PP en solitario

Esta admisión foi aplaudida dende En Marea por boca do seu voceiro, Luís Villares, quen agarda que este trámite sexa o primeiro paso para emendar o que considera un "escándalo". En Marea, afirma, "viuse na obriga" de recorrer ao TC "ante unha operación do PP que ten como finalidade aniquilar unha institución que fiscaliza a legalidade da actuación da Xunta". O Goberno e o propio presidente, acusa, "pretenden acabar cos controis de legalidade" e para iso, di, procura minorar o impacto dunha "institución incómoda".

Villares: "Vímonos na obriga de recorrer unha operación do PP que ten como finalidade aniquilar a institución que fiscaliza a legalidade da actuación da Xunta"

A xuízo de Villares "o detonante desta modificación foi a operación Cóndor", que investiga un presunto entramado corrupto en torno á empresa de transporte Monbus, na cal a xuízo do voceiro de En Marea fica claro que o presidente do Consultivo, José Luis Costa Pillado, "favorece intereses económicos de empresas" a través da institución. "É unha manobra que ten nomes e apelidos como son Alfonso Rueda" e o propio Costa Pillado, a quen atribúe a intención de pretender "acabar coa independencia da institución mediante a modificación da composición do seu órgano técnico".

"Ata agora -debulla Villares- o Consello tiña un corpo de letrados que accedían por opsición e realizaban labores de asesoría técnica para que os conselleiros puidesne tomar decisións baseándose en información rigorosa, técnica e independente", sen atender á "conveniencia política" do presidente. Costa Pillado, afirma, manifestou dende a súa chegada unha "obsesión por acabar coa independencia do Consello", un "menoscabo" que "deu un salto cualitativo coa modificación da lei" para "substituír os letrados por outros de libre designación, nomear a dedo os letrados que fiscalizan a actuación da Xunta", conclúe.

Luís Villares avalía a decisión do TC en rolda de prensa CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.