O Constitucional tomba de vez o recurso do PP de Ourense contra a lista de En Marea

David Rodríguez (esquerda), con Luís Villares, Ánxeles Cuña e outros membros da candidatura CC-BY-SA En Marea

Definitivamente, o ex-alcalde de Manzaneda, David Rodríguez, poderá concorrer ás eleccións do 25 de setembro como número dous de En Marea pola provincia de Ourense. O Tribunal Constitucional decidiu este martes non admitir a trámite o recurso co que o PP ourensán pretendía revogar a sentenza na que un xulgado do contencioso administrativo da capital da provincia deu vía libre, a pasada semana, á candidatura de Rodríguez ao considerar que realizara debidamente os trámites de renuncia á Alcaldía para incorporarse ás listas.

Tras fracasar no seu primeiro intento a dirección que encabeza José Manuel Baltar formulou un recurso de amparo ante o Constitucional, única vía dispoñible, e o tribunal de garantías vén de frealo. Faino, indican os maxistrados, porque se dá unha "manifesta inexistencia da violación dun dereito fundamental tutelable en amparo". A lei, lémbranlle ao PP de Ourense, marca esa violación de dereitos fundamentais como "condición" para que o Tribunal poida actuar nun caso coma este. 

Así as cousas, só un improbable recurso da Fiscalía nos vindeiros tres días evitaría o arquivo definitivo dun caso no que os xulgados de Ourense xa desbotaran afastar a David Rodríguez da carreira ao Parlamento. O argumento fundamental dos de Baltar apuntaba a que Rodríguez tería que ser declarado "inelixible" porque o pleno de Manzaneda non tomou coñecemento da súa renuncia á alcaldía ata o 29 de agosto e non cando En Marea rexistrou a súa candidatura na provincia, o día 22. No entanto, o candidato si presentara a renuncia como alcalde no rexistro municipal o día 19.

O TC non admite o recurso do PP ourensán contra a sentenza dos xulgados de Ourense que sinalaban que "sen dúbida", a candidatura "cumpre" a lei de eleccións

"Cando se presentaron as candidaturas e na posterior fase de subsanación de erros", indicaba o ditame dos xulgados de Ourense, "David Rodríguez non só xa comunicara formalmente no Concello a súa renuncia ao cargo de alcalde, senón que ademais xa cesara no exercicio efectivo do mesmo" porque delegara formalmente todas as funcións. Asemade, subliña, o pleno "asumiu a renuncia e designou novo acalde" o día 29, isto é, "antes de que o DOG publicase a promulgación das candidaturas". Polo tanto, resaltaba, a candidatura non vulnera a lei de eleccións, que impide aos alcaldes concorrer ao Parlamento mentres ostenten tal condición.

"Cumpriuse, sen dúbida, o propósito da norma", engade a sentenza. Segundo o xulgado, "resultaría desproporcionado e incompatible cos dereitos fundamentais" do candidato "adoptar unha interpretación restritiva que impedise participar na campaña electoral a unha persoa que non concorre en causa de inelixibilidade". Tras esta primeira sentenza o PP de Ourense teimou en que Rodríguez era inelixible e formulou o recurso agora rexeitado polo Constitucional. Mentres, En Marea interpretou o sucedido como "un triunfo da democracia" fronte á "bancarrota moral da coalición Feijóo-Baltar" que, di a formación encabezada por Luís Villares, tentar "enturbiar" a campaña por "medo" á candidatura de En Marea en xeral e á de David Rodríguez en particular.

José Manuel Baltar con Marisol Díaz, cabeza de lista do PP por Ourense © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.