O CSIF denuncia que a Xunta pide datos sanitarios protexidos aos seus traballadores de baixa

Edificio central de San Caetano CC-BY-SA Praza Pública

Un informe emitido pola Axencia de Protección de Datos a requirimento do sindicato lembra que só pode coñecer “a mera existencia da situación de enfermidade” e “non está autorizada a valorar a gravidade”

A Xunta “non está autorizada a valorar a gravidade da enfermidade nin a coñecer outros datos sobre a saúde distintos á mera existencia da situación de enfermidade”. Así o di a Axencia Española de Protección de Datos nun informe emitido a petición do CSIF, sindicato que denuncia que a administración galega está a pedir que se identifique a enfermidade que motiva os permisos ou baixas cando os seus traballadores as tramitan, co que a administración se estaría a arriscar a multas de entre 300.000 e 600.000 euros.

Segundo o CSIF, “a Xunta viola o dereito á intimidade dos seus empregados ao esixirlles información e datos sobre o seu estado de saúde para os permisos de enfermidade”. O sindicato di que vén alertando ao departamento de Función Pública de que “os órganos de persoal, tanto á hora de conceder os permisos por enfermidade como á hora de aplicar os descontos por incapacidade temporal, reclaman información aos empregados públicos non contida nos informes médicos para valorar se o grao de enfermidade se acolle ao catálogo de enfermidades graves que manexa a Xunta”. O sindicato relata que “ademais das alertas e denuncias de numerosos empregados públicos que chegaron ata o sindicato, CSIF tamén puido comprobar a través das súas xestións directas como efectivamente determinados órganos de persoal da Xunta instaban a dar datos concretos sobre as enfermidades”.

Protección de Datos di que o xustificante médico  deberá acreditar o grao de enfermidade “pero en ningún caso achegará información sobre o concreto problema de saúde que se tivese” xa que “dita valoración unicamente poderá corresponder ao médico"

Ante esa situación, o CSIF pediu un informe á Axencia Española de Protección de Datos, que lle responde sinalando que “non se considera adecuado que o propio empregado sexa instado a describir a enfermidade para que o órgano de persoal valore a situación”, e engade que o xustificante médico que se solicite  deberá acreditar o grao de enfermidade “pero en ningún caso achegará información sobre o concreto problema de saúde que se tivese” xa que “dita valoración unicamente poderá corresponder ao médico que atende o paciente”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.