O delegado da Xunta en Ourense imputado polo uso fraudulento de fondos europeos

Rogelio Martínez, no centro © Xunta

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, terá que responder ante o xulgado de Instrución de Ribadavia polo uso que fixo de fondos comunitarios cando era alcalde de Arnoia, na comarca do Ribeiro, hai dez anos. A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense ditou un auto, con data do 29 de febreiro de 2012, que anula o sobreseimento ditado en primeira instancia polo xulgado número 1 de Ribadavia en referencia á posible comisión dun delito de falsidade e doutro de fraude e malversación de caudais públicos polo actual responsable da Xunta na provincia ourensá.

Os feitos remóntanse ao comezo da década, cando Rogelio Martínez  mercou unha finca a sociedade SATO Carballo na que estaba construído un galpón. Segundo recoñeceu o propio Martínez, nesa construción íase levantar unha central de biomasa e para iso solicitou fondos comunitarios que lle foron concedidos. 

A subvención para a posta en marcha desta infraestrutura foi de 70.000 euros

Tanto socialistas como nacionalistas sempre sostiveron que nunca houbo unha central de biomasa e que o alpendre non permitía outro uso que non fose o de refuxio para un tractor. A subvención para a posta en marcha desta infraestrutura foi de 70.000 euros. A pesar de que a propia acusación popular acredita que “a cantidade non é moi relevante", indica que "pode ser a cima de moitas outras irregularidades”. Neste sentido, e aínda que a central nunca funcionou, con cargo a posta en marcha desta instalación concedéronse cursos de formación, subvencións para pintar as estradas, maquinaria para o uso na finca...
Finalmente e trala revisión por parte da Audiencia Provincial, Rogelio Martínez ten a condición procesual de imputado e o xulgado de Ribadavia deberá decretar o inicio da fase oral do xuízo.

Nos fundamentos xurídicos do auto rexéitase a prescrición, como pretendía a defensa do delegado territorial, porque segundo se expón na resolución xudicial “non estamos ante o momento procesual oportuno para declarar a prescrición (...) e pode resultar cuestionable a cualificación xurídica dalgunha das infraccións”. A Audiencia cuestiona o criterio do instrutor “ao estimar que obran na causa indicios suficientes para a continuación do procedemento”.

 

Piden a dimisión de Rogelio Martínez

Dende o seu nomeamento como representante do Goberno galego en Ourense, a oposición vixiou de preto o home oficial de Feijóo en Ourense. Tanto BNG coma PSdeG-PSOE foron ao xulgado para denunciar as certificacións de obra de Martinez e politicamente non deixan de pedir explicacións sobre as actuacións do delegado.

Dende o seu nomeamento como representante do Goberno galego en Ourense, a oposición vixiou de preto o home oficial de Feijóo en Ourense

Os socialistas pediron o cese fulminante do delegado por parte do presidente da Xunta ou a súa dimisión inmediata. A secretaria de Organización do PSOE en Ourense preguntouse “se esta é a mostra eficaz de como o PP xestiona os cartos públicos”.

Rogelio Martínez, no centro © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.