Hai tan só unhas semanas, Renfe e o Ministerio de Fomento levaron a cabo unha intensa campaña publicitaria en medios galegos para anunciar a “mellora” do servizo de proximidade entre Ferrol e Ortigueira tras aumentar de dous ao oito as frecuencias en días laborables dun servizo incluído dentro da liña que une a cidade departamental con Ribadeo, a do tren do norte galego. Os novos horarios, que excluíron A Mariña, supuxeron un ínfimo pulo a un ferrocarril que esmorece malia a súa potencialidade entre mala planificación, avarías, supresións e eivas varias que non rematan nunca.
A proba, nos datos que o propio Ministerio, a través de Adif, vén de facilitar e nos que aclara que entre xuño e setembro do pasado ano suprimíronse nesta liña de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo un total de 738 servizos. Supón unha media de seis trens suprimidos cada día, segundo as cifras coas que Fomento respondeu a unha pregunta do deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, sobre a situación do antigo FEVE.
Adif advirte de que en catro meses, entre xuño e setembro, suprimíronse 738 servizos de tren na liña Ferrol-Ribadeo
Adif achega un cadro detallado no que se advirte de que, por exemplo en agosto, foron 309 os trens suprimidos, dez ao día e practicamente un de cada seis que cobre o percorrido entre Ferrol e Ribadeo. En xuño foron 199; en xullo, 169; e en setembro, 67. A cifra impacta pero non é a primeira vez. Hai apenas un ano, na mesma liña chegou a haber 13 cancelacións nun só día.
Malia que son poucos os servizos que completan o percorrido entre Ferrol e Ribadeo, a liña si que ofrece unha verdadeira oferta de proximidade entre Ferrol e Xuvia, con case 30 trens de ida e outros tantos de volta ao día desde as 6.30 da mañá.
Ademais, na resposta oficial á que tivo acceso Praza.gal, o Ministerio de Fomento recoñece tamén un total de 144 incidencias durante ese pasado véran: 81 delas por espera de operador, 51 por avaría e cinco por obstáculos na vía, entre outras.
Os datos confirman o desleixo e a desfeita dun trazado de 254 quilómetros que, segundo datos da Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo, acumula o 30% das incidencias de todo o sistema ferroviario estatal.
Estas cifras, ademais, ratifican as críticas expresadas acotío polos alcaldes dos concellos afectados e polos usuarios da liña, cada vez menos pero sabedores da potencialidade dun ferrocarril que non dá avanzado polo desleixo das administracións. Segundo datos do Adif, en Ferrol, hai cinco anos, os usuarios do antigo FEVE achegábanse aos 100.000; a tal hora non chegan a 60.000.
O trazado, de 254 quilómetros, acumula o 30% das incidencias de todo o sistema ferroviario do Estado
Ante a resposta acadada, o deputado Fernán Vello advirte de que leva tempo presentando iniciativas e propostas de maiores dotacións orzamentarias para recuperar estes servizos ferroviarios “imprescindíbeis en comarcas como A Mariña, moi poboadas, e que teñen una importante actividade económica”. “Nunca entendemos o desleixo absoluto que se practicou con este ferrocarril. Hai unha infraestrutura ferroviaria, uns trens, uns servizos, non sería lóxico investir na súa mellor e rehabilitación para incentivar a mobilidade en transporte público?”, pregúntase.
Fomento, na súa resposta ao parlamentario de En Marea, asegura que Renfe acadou un acordo coa Xunta e coas mancomunidades de municipios de Ferrolterra e Ortegal para a aplicación dos devanditos novos horarios. Ademais, fai referencia ao “famoso Plan de Reforzo, do que se leva a falar desde hai máis dun ano pero que segue sen despegar”.
Respecto da ampliación de horarios entre Ortigueira e Ferrol, Adif asegura que proporcionan “unha maior cobertura de transporte ferroviario ás poboacións da zona e mellora as comunicacións para estudantes e traballadores”. En canto ao Plan de Reforzo, anuncia actuacións con novos plans de mantemento ou de “confort interior” nas diferentes máquinas.
"Mallamos tanto nos usuarios que nos abandonan; se non é a falta de maquinistas son as avarías e, senón, os malos horarios... Así é moi difícil", resumía un dos revisores da liña o pasado mes de xaneiro a Praza.gal nunha reportaxe tras unha viaxe de ida e volta no tren do norte, o da lenta agonía sen solución á vista. A non aprobación dos Orzamentos do Estado e a convocatoria de eleccións supoñen tamén un atranco ao quedar en nada o incremento que supoñía pasar dos 2 millóns consignados o ano pasado para melloras nesta antiga liña de Feve entre Ferrol e Ribadeo aos 10,7 millóns contemplados nas novas contas.