O "deterioro" do estadio de San Lázaro provoca que a Xunta gaste uns 50.000 euros nun alugueiro

Vista parcial do espazo de oficinas do estadio © Google

O pasado febreiro chegaba ao Grupo Parlamentario Socialista a nova de que a Secretaría Xeral para o Deporte, con dependencia orgánica directa da Presidencia da Xunta, abandonara a súa sede, no compostelán estadio de San Lázaro, para pasar a funcionar dende un novo espazo alugado. O PSdeG dirixiuse ao departamento autonómico para cuestionalo polas razóns deste traslado e vén de obter resposta. O organismo dirixido por José Ramón Lete emprázase agora nun chalé da céntrica urbanización da Rosaleda, na contorna do Parlamento, e o custe do arrendamento previsto rolda os 50.000 euros.

Os socialistas preguntaron a mediados de febreiro polo motivo do novo emprazamento, o motivo e o custo do traslado, o pagamento do alugueiro e mais o custo e efectos "da nova sede". O 24 de marzo chegou a contestación, na que a Secretaría Xeral indica que "o cambio de localización" estivo "exclusivamente motivado pola situación de deterioro na que se atopaban as oficinas" do estadio de San Lázaro "nas que se radicaba ata o momento". Estas instalacións, asegura a Xunta, chegaron a unha "situación que podería chegar a supoñer graves e frecuentes riscos para as persoas que desenvolven as súas funcións neste departamento, así como para os seus visitantes".

A Xunta admite que a situación chegou a ser de "graves e frecuentes riscos" para o persoal

Ao contrario do que podería deducirse desta resposta o estado das deterioradas instalacións non depende dunha entidade allea á Xunta. Se ben o estadio é propiedade do Concello de Santiago, pouco despois da súa construción, en 1993, o consistorio compostelán cedeulle ao Goberno galego 1.500 metros cadrados do complexo. Catro anos despois, en 1997, o acordo modificouse e o Concello "comprometeuse" a cederlle a propiedade á Xunta, un proceso que, tras diversos trámites, culminou en xaneiro de 2009, cando se promulgou un decreto polo que a Xunta aceptaba a cesión desta parte do estadio para manter nel os "servizos da administración deportiva da Xunta de Galicia", isto é, da Secretaría Xeral para o Deporte.

De alugueiro ata o traslado á EGAP

A renda ascende a uns 5.000 euros mensuais que, segundo a Xunta, cobra a entidade pública de capital risco Xesgalicia

Así as cousas, e ante o devandito "deterioro", a Secretaría Xeral foi trasladada ao devandito chalé como "sede provisional". A permanencia do organismo público nestas instalacións ten un custe de 4.157,66 euros máis IVE a pagar mensualmente, isto é, uns 5.000 euros. Quen está a cobrar estes cartos, di o Goberno, é "a entidade pública Xesgalicia", a sociedade de fondos de capital risco controlada polo IGAPE, ente que depende á súa vez da Consellería de Economía e Industria.

A permanencia no chalé da Rosaleda estenderase "ata a finalización das obras de adaptación" na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), que será a "localización definitiva" da Secretaría Xeral para o Deporte. O remate destes traballos está "previsto para o mes de novembro", polo que o importe total do alugueiro roldaría os 50.000 euros.

Promesa de gasto "cero" en arrendamentos

Alén dos interrogantes que poidan xurdir acerca do mantemento das instalacións autonómicas no estadio de San Lázaro esta operación supón un novo afastamento da promesa electoral formulada polo PP segundo a cal na presente lexislatura o gasto da Xunta en alugueiros ía pasar a ser "cero". Ese afastamento comezou apenas un mes despois da segunda vitoria de Alberto Núñez Feijóo, cando o vicepresidente, Alfonso Rueda, xa obviaba a promesa de "cero" gastos en alugueiros para indicar, a preguntas deste diario, que o "obxectivo" de aforro neste ámbito "aínda" non fora "marcado".

O PP prometeu na campaña de 2012 reducir o gasto en alugueiros a "cero"

Pouco despois, en marzo de 2013, foi o propio Feijóo quen arrefriou definivamente o compromiso. O seu Goberno, aseguraba, xa fora quen de pasar de 7,6 a 5,7 millóns de euros anuais en gasto de alugueiros e o seu obxectivo para o segundo mandato era unha nova rebaixa de case o 70%, ata quedar nos 1,7 millóns anuais. Os últimos datos ofrecidos pola Consellería de Facenda ao respecto, ofrecidos en outubro de 2014, indicaban que este gasto caera "un 40%" a respecto do ano 2009, o que o situaría  en algo máis de 3 millóns ao ano, aínda lonxe dos 1,7 millóns comprometidos e moito máis aínda do "cero" prometido en campaña.

Feijóo e o secretario de Deporte, Lete Lasa, nunha imaxe de arquivo Dominio Público Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.