O "engano" de Feijóo desaparece dunha pregunta do BNG

Pregunta orixinal e referencia na orde do día CC-BY-SA Praza Pública

O presidente da Xunta chegou ao debate de política xeral co que presentou como un anuncio estrela: a baixada de medio punto no treito autonómico do IRPF. Tras a foguetería dialéctica unha ollada máis repousada por parte de diversos expertos servíu para aclarar que o impacto real desta reforma será residual ou practicamente irrelevante nos petos da poboación. Esa impresión ficou ratificada tras a presentación dos Orzamentos Xerais para 2014, nos que fica claro que a suba do imposto de combustible superará en 8 millóns á baixada do imposto sobre a renda. En opinión do BNG este xogo de cifras supón un "engano", máis aínda tendo en conta o incremento do IRPF no seu treito estatal, e por iso lle preguntará polo tema ao presidente da Xunta.

Para tal fin, os nacionalistas rexistraron unha pregunta para substanciala no pleno deste mércores. "Por que engana aos galegos e ás galegas anunciando que vai baixar os impostos?", redactou o Bloque. Pero a carga semántica da cuestión foi notablemente minorada ao aparecer nos índices do Boletín Oficial do Parlamento e, posteriormente, na orde do día da sesión plenaria. Nestes documentos desapareceu o que a formación frontista considera un "engano" e a formulación figura dun xeito moito máis aséptica. A pregunta é "sobre as razóns do señor presidente da Xunta de Galicia para anunciar unha baixada de impostos".

Na orde do día a pregunta é polas "razóns" e non polo "engano" do presidente

Esta variación foi advertida polo voceiro do BNG, Francisco Jorquera quen, cun aquel de retranca, aproveitou o inicio do pleno, este martes, para queixarse ante a presidenta, Pilar Rojo, polo "erro formal" que figura na orde do día. "A pregunta non se corresponde coa rexistrada", lamentou o nacionalista. "Non sei se hai un erro ou non", dubidou a presidenta, quen, non obstante, subliñou que "son os servizos da Cámara os que fixan os epígrafes das preguntas" e non a Presidencia. "Se mirará", promete a popular.

Jorquera, no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.