O Estado di agora que deixará "celebrar" pero non votar o día do referendo catalán

Reunión da Xunta de Seguridade de Catalunya © Govern de Catalunya

O 1 de outubro será un día para celebrar, pero non para votar. Así o asegurou o secretario de Estado de Seguridade, José Antonio Nieto tras a reunión da Xunta de Seguridade de Catalunya este xoves. O número dous de Interior trasladou a Puigdemont o "compromiso absoluto" do Ministerio para que este domingo "Barcelona teña un día de celebración", pero tamén que os corpos policiais garantirán o cumprimento da lei impedindo o referendo.

"Nun caso cun pícnic, noutro caso cunha manifestación, poderanse exteriorizar os sentimentos pero non á conta de violentar a lei"

"Nun caso cun pícnic, noutro caso cunha manifestación, poderanse exteriorizar os sentimentos pero non á conta de violentar a lei", dixo Nieto tras a reunión da Xunta de Seguridade en Barcelona, que durou unha hora.

Ante as chamadas independentistas a concentrarse fronte aos puntos de votación durante toda a fin de semana, Nieto instou a "tentar e conseguir que este domingo as cousas se produzan en paz e tranquilidade e defendendo o Estado de dereito". Así, engadiu, os corpos policiais impedirán o referendo pero non limitarán a "liberdade de expresión" o 1-O.

A reunión foi completamente estéril e non acordou ningún dispositivo de seguridade para impedir que se vote o 1-O

A reunión foi completamente estéril e non acordou ningún dispositivo de seguridade para impedir que se vote o 1-O, tal e como este xoves ordenou o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) aos Mossos d'Esquadra, a Policía Nacional e á Garda Civil.

No plano político, a Xunta de Seguridade serviulle a Puigdemont para difundir unha imaxe en que os Mossos d'Esquadra seguen tendo voz e voto nas decisións policiais que se tomen no tres días que quedan ata o 1-O. Con todo,  o auto da maxistrada do TSJC Mercedes Armas deste xoves deixou moi claro que a coordinación e o mando único dos corpos de seguridade corresponde ao coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos, que tamén é o número 3 do Ministerio do Interior.

O Govern asegura que "non parará o referendo": "O máis importante é a salvagarda da convivencia"

Precisamente neste aspecto incidiu Nieto, que recalcou que o mando agora "recae" en De los Cobos por orde da maxistrada. Pola súa banda, o conseller de Interior, Joaquim Forn, preferiu obviar o mando único de Interior sobre os Mossos, e asegurou que o Govern "non parará o referendo", facendo así caso omiso á petición de Nieto para "suspender" o 1-Ou.

En liña co alegado polo maior Trapero ao fiscal, Forn dixo que os Mossos respectarán as ordes da xuíza Armas, aínda que o seu obxectivo máximo será que non haxa alteracións de orde pública. "Non negamos nin obviamos o ditado pola maxistrada pero queremos deixar claro que o máis importante é a salvagarda da convivencia e calquera actuación policial teno que ter claro", asegurou Forn.

Incautadas 2,5 millóns de papeletas

Por outra banda, a Garda Civil incautouse de 2,5 millóns de papeletas, 4 millóns de sobres e 100 urnas nun almacén de Igualada, localidade da provincia de Barcelona, segundo informaron a eldiario.es fontes policiais. Os responsables do almacén alegaron que eses sobres e papeleas son para as eleccións do Fútbol Club Barcelona. 

Directores de centros de ensino apoian o Govern e amósanse dispostos a abrir os colexios o 1-O

Ademais, a Generalitat acolleu este xoves un acto con directores de centros educativos, entre eles algúns colexios electorais e outras entidades do sector do ensino. O president Puigdemont citou os responsables dos centros educativos nunha carta onde os felicitaba pola iniciativa Escoles Obertes, que propón mater abertos os colexios electorais durante a xornada do referendo. 

Ao acto acudiron ducias de directores e responsables de centros de ensino xunto aos promotores do manifesto Escoles Obertes. Moitos deles fixeron soar as chaves das escolas mentres berramba "obrirem" ("abriremos"). 

O Govern tamén comunicou, desta vez a través da web do referendo, aos membros das mesas electorais da consulta e aos intervenores de que a policía non pode detelos durante o exercicio das súas funcións. Ao tempo, e desde hai días, a Garda Civil xa interveu uns vinte dominios relacionados coa consulta. 

Expertos da ONU piden a España que respecte os dereitos fundamentais o 1-O

Alén disto, dous expertos da ONU en Dereitos Humanos instaron a España a respectar os dereitos fundamentais de cara á consulta do vindeiro domingo. En concreto, piden que se garantta a liberdade de expresión, de asemblea e reunión e de participación pública. Nun comunicado na web das Nacións Unidas, David Kaye e Alfred de Zayas lembran que a obriga do Executivo é "respectar os dereitos que son esenciais nas sociedades democráticas".

Por último, e coincidindo coas dúas xornadas de folga xeral convocada nas universidades, máis de 80.000 estudantes saíron ás rúas a manifestarse a prol do referendo. 

Manifestación de estudantes universitarios / @unisxrepublica

Manifestación de estudantes polo referendo, este xoves en Barcelona © Sandra Lázaro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.