Rogelio Martínez, alto cargo da Xunta entre 2009 e 2015, senta no banco por certificar unha obra que non se fixo tras obter unha subvención comunitaria en 1999, cando era alcalde da Arnoia
20 anos despois dos feitos e 13 anos despois de ser denunciados por primeira vez, o daquela alcalde da Arnoia, Rogelio Martínez, será xulgado a partir deste luns por fraude de fondos europeos ao certificar unha obra non realizada. Cando Martínez xa estaba imputado por este caso, en 2009 Feijóo nomeouno delegado da Xunta en Ourense, contrapoder da Deputación controlada polos Baltar e cargo que ocupou ata 2015, cando foi relevado no marco dunha ampla reestruturación do Goberno galego. Daquela Martínez foi cesado xunto coa delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, tamén imputada por outro caso e logo exculpada, nun momento no que Feijóo intentaba lanzar mensaxes de rexeneración contra a corrupción.
O xuízo que comeza este luns na sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense analizará na súa primeira xornada as cuestións previas nas que as defensas da ducia de imputados intentarán que o tribunal considere prescritos os delitos e arquive o caso. Un proceso cunha longa instrución no que a Fiscalía entende que non existen indicios de delito e no que só hai acusación particular, a Asociación para o Progreso do Ribeiro, vinculada ao PSdeG. O caso arquivouse xa no pasado pero a Audiencia revocou esa decisión e ordenou que continuase este proceso, para o que a apertura de xuízo oral foi ditada hai xa dous anos.
Os feitos foron inicialmente denunciados polo BNG en 2006 e a causa só se mantén coa acusación particular da Asociación para o Progreso do Ribeiro, vinculada ao PSdeG, mentres a Fiscalía non ve indicios de delito
Rogelio Martínez era alcalde da Arnoia e como tal presidente do grupo de acción local Ceivam cando en 1999 un empresario pediu a esa entidade unha subvención para construír unha planta de biomasa no marco dun programa sufragado con fondos comunitarios. O proxecto tiña un orzamento duns 13 millóns das daquela pesetas, algo menos de 80.000 euros, e a subvención acadaba a metade do mesmo.
En 2006, coa Xunta en mans do bipartito, o BNG denunciou que a obra non se executara segundo o previsto senón que só se reconstruíra “un galpón”, pero que Martínez certificara igualmente os traballos non realizados. Tras un longo proceso de dilacións, arquivos e reaperturas do procedemento, no que a Asociación para o Progreso do Ribeiro quedou como única acusación, este luns Rogelio Martínez sentará á fin no banco dos acusados.