O ex-director de Adif imputado por Angrois responsabiliza a outros departamentos de Fomento

Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, nun cartel de protesta das vítimas de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Andrés Cortabitarte, o ex-director de Seguridade na Circulación de Adif imputado hai dez días pola súa posible responsabilidade no accidente de Angrois por non habilitar as medidas de seguridade precisas para evitalo, vén de recorrer dita citación. O avogado de Cortabitarte, facilitado por unha aseguradora de Adif, presentou este martes pola tarde un recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña no que solicita que non se produza a comparecencia do seu defendido prevista para o vindeiro 4 de abril mentres non se resolva esta apelación, na que se argumenta que o director de Seguridade non era responsable das actuacións que lle atribúe o xuíz instrutor, Andrés Lago Louro.

O avogado de Andrés Cortabitarte recorre a súa citación e argumenta que a responsabilidade de avaliar a liña e autorizar a súa apertura era da consultora pública Ineco e da Dirección de Ferrocarrís do ministerio, respectivamente

Segundo a argumentación de Cortabitarte, non era responsabilidade súa avaliar a seguridade da liña nin autorizar a súa apertura, senón da consultora pública Ineco e da Dirección de Ferrocarrís de Fomento, respectivamente. De feito, a defensa do imputado asegura que “non hai obriga de efectuar unha avaliación integral de riscos de todos os subsistemas” da liña ferroviaria, cuestión que os peritos xudiciais da causa certificaron que non se fixera en Angrois e que o xuíz considera que si era preciso realizar, e enumera outros países europeos nos que non se fai. Á marxe desa análise integral, o avogado considera que “a quen correspondía realizar a avaliación dos riscos sinalados [polas empresas construtoras da liña] no rexistro de ameazas era a [consultora pública Ineco] e que os riscos que esta podía exportar a Adif tiñan que estar xa mitigados e ser tolerables”. A defensa, que enumera as competencias directamente atribuídas ao posto que ocupaba Cortabitarte, sentenza que “non corresponde á Dirección de Seguridade na Circulación realizar unha avaliación integral dos riscos nin ostentar a responsabilidade global da xestión da seguridade”.

Por outra parte, Cortabitarte tamén se exime da responsabilidade da autorización final de posta en servizo da liña e mesmo do seu funcionamento posterior coas medidas de seguridade insuficientes para previr o accidente coas que se fixo argumentando que o “Regulamento sobre seguridade na circulación da Rede Ferroviaria de Interese Xeral establece como competencia da Dirección Xeral de Ferroccarrís do Ministerio de Fomento 'a comprobación de que os subsistemas que integran o sistema ferroviario se explotan e manteñen de conformidade cos requisitos esenciais pertinentes'”.

Cortabitarte di que ningún maquinista alertou de riscos durante as probas, pero si houbo un que o fixo coa liña xa en servizo pero cuxo aviso Renfe non comunicou a Adif

Malia eximirse desas responsabilidades, Cortabitarte argumenta que Adif avaliou a seguridade da liña coa maior proba posible, como foi a circulación real de trens por ela. “Ditas probas son auténticas simulacións executadas con trens coas características que posteriormente Renfe empregará ao longo de todos os itinerarios posibles. En ditos test varios maquinistas e varios trens pasaron por Angrois sen que se percibira un risco intolerable, como tampouco [Ineco] o considerara, de aí que non o reflectira no seu informe”, argumenta. Porén, si houbo un maquinista que aos poucos días de entrar en servizo a liña alertou do risco dun accidente como o que acabou ocorrendo en Angrois. Unha alerta que Renfe non lle transmitiu a Adif, co que a argumentación que agora fai Cortabitarte volvería reavivar a guerra soterrada existente na instrución xudicial entre ambas as dúas empresas públicas.

Autorización para desconectar o ERTMS nos Alvia asinada por Cortabitarte Dominio Público Sumario da causa de Angrois

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.