O Operador do Mercado Organizado de Gas na Península Ibérica (Mibgas), empresa de capital privado que financian os consumidores a través da tarifa do gas, rexistrou no exercicio 2018 as primeiras perdas da súa historia tras indemnizar con 724.000 euros ao seu ex-presidente, Antonio Erias. Ex-número 1 e deputado no Congreso do PP na provincia da Coruña, Erias foi colocado polo Goberno do seu amigo Mariano Rajoy nesa sociedade no momento de crearse en xaneiro de 2015 e presidiuna até febreiro de 2019.
"Con data 14 de febreiro de 2019, o Consello de Administración aprobou a indemnización a realizar ao Presidente da Sociedade por un importe de 724.000 euros e o cesamento efectivo do Presidente", explica Mibgas nas súas últimas contas, recentemente depositadas no Rexistro Mercantil, e que reflicten uns números vermellos de 410.900 euros, fronte ao beneficio de 125.820 euros rexistrado un ano antes.
Mibgas rexistrou en 2018 as primeiras perdas da súa historia tras indemnizar con 724.000 ao seu ex-presidente, antigo deputado do PP da Coruña situado nese posto polo Goberno de Rajoy
A entrada en perdas da empresa foi consecuencia do forte incremento dos seus gastos de persoal, que se dispararon un 47%, até 2,17 millóns, pola provisión que tivo que dotar no exercicio para facer fronte ao cesamento de Erias, cuxa saída, que adiantara eldiario.es, foi proposta polo consello de administración de Mibgas o 19 de decembro de 2018. Segundo Cinco Días, Erias pretendía levar unha indemnización aínda maior que o consello da empresa reduciu sensiblemente.
Catedrático de Economía Aplicada pola Universidade da Coruña, Erias aterrou en Mibgas tras ocupar distintos cargos no PP durante tres lustros: foi concelleiro do Concello da Coruña (1999-2003), deputado provincial e vicepresidente primeiro da Deputación coruñesa (1999-2003) e durante tres lexislaturas, deputado no Congreso tras ser cabeza de lista pola mesma provincia nas eleccións xerais de 2004, 2008 e 2011. Próximo tamén ao falecido Manuel Fraga, na Cámara Baixa foi portavoz de Enerxía do PP desde 2008 ata que abandonou o seu escano a finais de 2014 para marchar a Mibgas.
O soldo acumulado por Erias na súa etapa en Migbas supera os 2 millóns
Alí esperábao unha retribución anual superior aos 400.000 euros brutos, que, sumada á indemnización que recibiu polo seu cesamento, eleva o seu soldo acumulado nesa etapa a preto de 2,4 millóns brutos. A súa xestión recibiu máis críticas que eloxios, incluíndo as do daquela ministro de Enerxía, Álvaro Nadal, que chegou a sinalar a Mibgas en xaneiro de 2017 como un dos responsables dun episodio de forte suba da luz en plena vaga de frío polo encarecemento do gas.
Un coche de 62.000 euros
Competencia cuestionou os elevados gastos de persoal de Mibgas e obrigou a deixar fóra das partidas que pagan os consumidores as dietas dos conselleiros
Uns meses despois, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) axustaría á baixa en 2,6 millóns a retribución de Mibgas nun duro informe que cuestionou os seus elevados gastos de persoal, cun custo medio por empregado "superior ao do resto de sociedades reguladas que realizan actividades análogas ou comparables" (REE, o operador do mercado eléctrico OMIE e Enagás).
Daquela, Competencia obrigou a deixar fóra das partidas suxeitas a retribución regulada (a cargo do consumidor) as dietas dos conselleiros de Mibgas e as amortizacións derivadas dunha das primeiras decisións de Erias cando chegou á empresa: mercar un coche por uns 62.000 euros.
Tras a saída de Erias, que foi substituído por Raúl Yunta, un directivo con longa experiencia no sector gasista e nos reguladores sectoriais, o Mercado Ibérico do Gas conta na actualidade con máis dun cento de axentes dados de alta e nel negociáronse entre xaneiro e novembro de 2019 un total de 51,8 TWh, case o dobre do rexistrado en todo 2018 (26,3 TWh).
Tras a saída de Erias, as cifras de Mibgas melloraron
Do mesmo xeito que o seu maior accionista, o Operador do Mercado Ibérico de Enerxía, Mibgas ten capital privado: os seus accionistas son Omel (33%), o seu equivalente portugués OMIP (10%), Enagás (13,3%), a lusa REN e compañías do sector eléctrico petroleiro, entre outras. Con todo, ao financiarse por conta dos usuarios (a través do recibo do gas) e estar os seus ingresos regulados, nela ten un papel determinante a Secretaría de Estado de Enerxía, que debe dar o visto e prace ao nomeamento do seu máximo responsable.