O Foro da Mocidade tece pontes na esquerda nacionalista

Un momento de debate no Foro da Mocidade © Foro da Mocidade

O Foro da Mocidade Galega reuniu este sábado en Compostela un grupo de mozos “que se senten galegos e que desexan un cambio social en Galiza”. En réxime de autoconvocatoria e como “experiencia de participación política, libre, individual e directa” foron varios os homes e mulleres novas que debateron durante todo o día “coa vontade de tecer pontes entre as diferentes sensibilidades da esquerda galeguista máis alá dos grupos e estruturas políticas xa organizadas”. Teceron pontes mozos que demostraron a súa sintonía política máis aló das diferenzas de quen aposta polas diferentes correntes nacionalistas que agroman desde hai meses

Mozos vinculados ao BNG, Anova ou CxG teceron pontes na busca de "alternativas para a sociedade galega"

Representantes de diversos colectivos políticos, principalmente vinculados ao BNG, Anova e Compromiso por Galicia (CxG), debateron e intercambiaron impresións durante horas para acadar unha resolución final que pretende que “non sexa un punto final, senón un punto de partida dentro do proceso de debate aberto no seo do nacionalismo galego”.  O obxectivo, tal e como aclaran os organizadores nun comunicado, é “construír alternativas para a sociedade galega” e é por iso polo que as trasladarán a diversas formacións políticas.

Nun debate dividido en áreas temáticas, o Foro analizou o papel da mocidade dentro da crise económica, denunciando “a precariedade laboral” dos novos, así como a “turistificación do país e a privatización das caixas galegas” como fenómenos derivados da grave recesión económica. Ademais, insistiron en reclamar “a defensa da protección social” e a necesidade de “introducir novas medidas como a renda básica”.

O Foro denuncia a "precariedade laboral" dos novos, así como "a turistificación do país e a privatización das caixas galegas"

Precisamente, e en canto ás medidas sociais, o Foro puxo en valor a creación “de escolas comunitarias que están a nacer no país para garantir un ensino integramente en galego”, así como a reclamación de “mecanismos de democracia local” co obxectivo de que a cidadanía “poida tomar decisións sobre temas comunitarios que a afectan na súa vida cotiá”.

Ademais, o Foro da Mocidade resaltou “a necesidade de que a mocidade poida desenvolver proxectos de vida no medio rural” e reclamou tamén “a potenciación dun xeito diferente de entender a vida e a economía”.

En canto ao ámbito lingüístico-cultural, os mozos apostaron por “tecer vínculos coa lusofonía como fórmula para poder ampliar a capacidade de incidencia da industria cultural galega” e destacaron tamén a necesidade de “potenciar os vínculos comunitarios da creación cultural”. 

O Foro da Mocidade terá continuidade, creará grupos locais e trasladará as súas propostas ás formacións políticas

O proxecto do Foro da Mocidade Galega terá continuidade e xa ten previsto reiniciar a dinámica de debate na segunda quincena de setembro. Ademais, intentarase “crear grupos locais” para potenciar esas xuntanzas, así como estender as resolucións “ao máximo número de organizacións posíbeis”. O obxectivo: “Crear un espazo de convivio e de reflexión, que sirva para crear novas dinámicas diante dos retos abertos pola actual crise social e política que vive o país”.

Dominio Público Praza Pública
Un momento de debate no Foro da Mocidade © Foro da Mocidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.