O futuro de Galicia xa está en campaña

Dominio Público Praza Pública

Galicia está en campaña. Despois de máis dun ano de especulacións a respecto dun posible adianto electoral, finalmente o pasado 27 de agosto o actual presidente, Alberto Núñez Feijóo, ratificaba que, por terceira vez consecutiva, o Goberno galego non esgotaría a lexislatura. Non o fixo Manuel Fraga en 2005, que convocou en xuño os comicios que deberan celebrarse en outubro; tampouco Emilio Pérez Touriño, pasando a marzo os comicios que tocaban en xuño. Por último, Feijóo emulou os seus antecesores e tamén fixo expirar o seu mandato case cinco meses antes de tempo, o maior adianto da historia autonómica.

Ás 00:00 horas deste venres arrincou unha carreira electoral que desembocara no vindeiro 21 de outubro, no que 2,7 millóns de cidadáns e cidadás están chamados ás urnas. Deles, case 400.000 forman parte do denominado censo de residentes ausentes (CERA), un voto emigrante que por primeira vez é rogado -a participación tivo que ser solicitada previamente-, un requisito legal que desplomou a participación, a cal ficou no entorno do 5%. Ás urnas poderanse achegar por primeira vez un total de 82.284 persoas, as que cumpriron 18 anos dende 2009.

O 21-O nos colexios electorais haberá ata vinte e seis forzas políticas que, con maiores ou menores posibilidades, optan a entrar no Pazo do Hórreo. A metade destes partidos e coalicións concorren nas catro circunscricións nas que se divide o sistema electoral galego, catro provincias nas que cómpre acadar o 5% dos sufraxios para lograr cando menos un escano no Parlamento. As principais organizacións que concorren aos comicios abriron a campaña coa tradicional pegada de carteis nas súas múltiples vertentes. A maioría elixiron Compostela para iniciar a campaña; só o PSdeG decidiu que a súa axenda comezase fóra da capital, levando ao seu candidato, Pachi Vázquez, á cidade de Vigo.

 

As primeiras mensaxes

Feijoo promete que na vindeira lexislatura Galicia pasará "dos axustes ao crecemento" e reivindica que "Galicia está mellor que os outros territorios do Estado". Mentres, Pachi Vázquez, Jorquera, Beiras e Bascuas chaman por un cambio na Xunta con críticas aos recortes. Pachi Vázquez pediu o voto para presidir “un goberno de progreso en Galicia que lle cambie a vida á xente” e que sexa a “barreira” á política neoliberal do PP. Pola súa banda, Jorquera afirmou que "con Feijoo só gañaron os poderosos" e denunciou que "non se pode lembrar un de Galicia só nas eleccións" en alusión ao lema do PP.

En Compostela Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz  fixeron un chamamento á “rebelión cívica” para “desaloxar os bárbaros do PP do goberno e loitar por un futuro para Galicia”. E Compromiso salientou que os partidos tradicionais “representan máis do mesmo e non aportan absolutamente nada novidoso”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.