Hai tres anos e medio, acabado de chegar á Xunta, Núñez Feijóo enfrontouse á primeira gran polémica do seu mandato. Apreixado polos compromisos cos sectores máis reaccionarios da dereita e abrazado a teorías inverosímiles sobre a lingua, prometeu (e consumou) a ruptura do consenso lingüístico que desde había anos imperaba en Galicia. Con máis ou menos diferenzas, pero sen conflitividade relevante. Anulou a normativa sobre o idioma na educación que instaurara o Executivo de coalición entre PSdeG e BNG e aprobou sen consenso o contestado decreto do plurilingüismo que provocou importantes manifestacións en contra ou a insubmisión de milleiros de docentes.
A lingua pode atragoárselle a Feijóo neste novo inicio de lexislatura cun novo informe do Consello de Europa e a sentenza do TSXG sobre o polémico decreto
Agora, renovado o mandato, o comezo da nova lexislatura pode atragoárselle tamén a Núñez Feijóo por motivos lingüísticos. Esquecida a polémica por mor dunha crise económica que traga con todo, as sentenzas xudiciais e os informes de expertos van camiño de espertar unha polémica que semellaba durmida.
Porque o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitirá nos vindeiros meses a súa sentenza sobre o decreto do plurilingüismo, recorrido ante a Xustiza por diversos colectivos e asociacións como A Mesa pola Normalización Lingüística, os sindicatos STEG e CIG e incluso a Real Academia Galega. Todos eles denunciaron que a nova normativa restou presenza ao galego nas aulas -ao pasar dun mínimo do 50% á equiparación co castelán-, vetou o uso da lingua propia nas materias técnicas ou imposibilitou que os nenos de Educación Infantil puidesen comezar a súa andaina escolar en galego. En definitiva, censuraron "a desprotección do idioma máis débil".
O TSXG emitirá a súa sentenza sobre os recursos presentados por varias asociacións, incluída a RAG, contra o decreto
O TSXG admitiu a trámite todos os recursos en contra do decreto case un ano despois da súa aplicación, aínda que rexeitou paralizalo cautelarmente, tal e como lle pedía A Mesa, unha decisión que a Xunta interpretou como apoio ás súas teses lingüísticas. Nin moito menos.
Se o atraso non se incrementa máis do que xa o fixo, o Tribunal debería facer pública as súas sentenzas nos vindeiros meses, tal e como recorda Carlos Callón, presidente d'A Mesa e voceiro da plataforma Queremos Galego, protagonista das manifestacións máis grandes a prol da lingua que se lembran na historia de Galicia. "A sentenza xa se atrasou máis do debido, polo que o normal é que se emita axiña", recorda.
Pero hai máis. Antes de fin de ano, se nada estraño ocorre, o Consello de Europa emitirá o seu informe sobre a situación das linguas minoritarias no Estado, que terá un amplo apartado dedicado á situación do idioma galego. Estaba previsto para hai meses, pero leva tempo paralizado. O que se agarda non son máis que duras críticas cara á política lingüística da Xunta por parte deste organismo que serve de asesor para a UE.
O Consello de Europa emitirá o seu informe sobre a situación do galego, que xa foi crítico co bipartito por unha política insuficiente na protección do idioma propio
Xa hai catro anos, o mesmo informe censurara con dureza a política lingüística do Goberno bipartito por considerar as súas medidas a prol do galego boas pero insuficientes, ademais de destacar a febleza na que se atopaba o idioma propio daquela. Incluso a rede de galescolas -eliminada por Feijóo- fora destacada como un aspecto positivo, pero considerada aínda débil.
Tamén hai catro anos, a European Bureau for Lesser Used Languages, entidade consultiva da ONU e do propio Consello de Europa, pedía á Xunta que "puxese fin ás inciativas tomadas contra o galego en diferentes ámbitos" tras censurar que o Goberno de Feijóo adoptase medidas que "supoñen unha vuelnarción de tratados internacios sobre dereitos lingüísticos subscritos por España", nomeadamente a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias. "Desde a chegada ao poder do PP, desmanteláronse algúns dos proxectos máis aplaudidos polo Consello de Europa", destacaba unha axencia, que cualificaba de "especialmente grave" que a Xunta non tivese en conta as recomendacións internacionais.
Apagado pola crise económica, o conflito lingüístico pode volver cruzarse no camiño de Feijóo neste inicio de lexislatura. Das sentenzas xudiciais e do informe do Consello de Europa dependerá tamén se a Xunta continúa coa súa política lingüística carente de consenso e contestada por todos os ámbitos implicados ou se recúa nun tema capital para o país.