O 7 de setembro de 2010 producíase un rechamante episodio no Congreso dos Deputados. Unha delegación do Parlamento de Galicia formada por Pedro Puy, do PP, Xoaquín Fernández Leiceaga, do PSdeG, e Anxo Quintana, do BNG, acudía ás Cortes Xerais para defender unha proposta que o lexislativo galego aprobaba por unamidade: transferirlle á Xunta as competencias en materia de tráfico, o que implicaría o despregamento definitivo da policía galega creada ao abeiro da lei de 2007 e que o actual Goberno galego mantén no conxelador político. Os representantes popular e socialista pasaran un duro trago naquel debate. O PSOE, que contaba con maioría simple no Congreso, rexeitou a proposta e o PP, que se a apoiase provocaría que saíse adiante, optou pola abstención. Ambas posturas mantiveron a competencia nas mans do Goberno de España, o mesmo que agora pon trabas para que o Parlamento de Galicia estude os problemas vinculados ao tráfico.
Dende o pasado outono, catro anos despois daquel bloqueo en Madrid, está de novo en marcha na Cámara galega unha comisión de estudo sobre seguridade vial, cun propósito a priori tan pouco polémico como avaliar medidas para evitar accidentes. Neste contexto, os grupos parlamentarios solicitaron que acudisen a esta comisión diversos responsables da política de tráfico a cal, dado o acontecido en 2010, é cousa do Estado. Así, dirixíronse ao Ministerio de Fomento para pedir que acudise o xefe da Demarcación de Estradas de Galicia e á Delegación do Goberno central para facer o propio coa xefa provincial de tráfico da Coruña e co responsable da Agrupación de Tráfico da Garda Civil. Pero o que semellaba un trámite menor tornou en polémica.
Juárez non ve "apropiadas" as comparecencias porque as comisións teñen "un carácter de control político", obviando que esta é unha comisión de estudo
A través de senllos documentos feitos públicos polo BNG Fomento e a Delegación dirixíronse á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, para declinar os convites. No caso do xefe de Estradas, Ángel González del Río, a xustificación é que a súa "actividade profesional" se "circunscribe exclusivamente ás infraestruturas viarias do ámbito da Rede de Estradas do Estado, que está sometida ao control das Cortes Xerais". Dende a Delegación gobernamental o seu responsable, o ex conselleiro Samuel Juárez, argumenta que as comisións parlamentarias teñen un "carácter de control político da acción do Goberno", aínda que esta é unha comisión de estudo, polo que "non se considera apropiada a presenza das persoas convidadas", por "teren a condición de funcionarios da Administración Xeral do Estado".
"Juárez ten tempo para organizar cargas contra os mariñeiros" pero "impide mellorar a seguridade viaria", lamenta o BNG
Neste contexto, no que Juárez se limita a ofrecer a posibilidade de "facilitarlle á comisión" calquera "información que, en materia de seguridade viaria, se entenda relevante" pero sen comparecencia ningunha, os grupos parlamentarios xa amosaron o seu malestar. Así, o conxunto do arco parlamentario decidiu remitirlle un escrito a Rojo para amosar o seu malestar e instala a dirixirse ao Goberno central para pedir que a decisión sexa reconsiderada. Pola súa banda o BNG, ademais de difundir os documentos, lamenta que Juárez "non colabore para mellorar a seguridade viaria en Galiza" e valora pedir a súa reprobación formal.
A actitude do delegado do Goberno, di a deputada Ana Pontón, resulta "intolerábel e grave". Juárez, di, "ten tempo para organizar cargas contra os mariñeiros do cerco" pero "impide a comparecencia dos responsábeis de Tráfico" nunha comisión cuxa unica finalidade é "mellorar a seguridade viaria no noso país".