Son alcaldes, alcaldesas e edís. Militan no PSdeG, no BNG, en Anova ou en Compromiso por Galicia e veñen de unir a súa voz para convocar o vindeiro martes unha asemblea de concellos de menos de 20.000 habitantes, con independencia da cor política do seu goberno. O que os xunta é a oposición á reforma da administración local que prepara o Goberno central e que, segundo os seus primeiros anteproxectos, vén baleirar boa parte da carteira de servizos destes pequenos municipios. "Tal e como esta", o proxecto "liquida os Concellos de menos de 20.000 habitantes", resume o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez (BNG).
Rodríguez, xunto aos rexedores socialistas de Pedrafita do Cebreiro e da Pastoriza, José Luis Raposo e Primitivo Iglesias (PSdeG), achegouse este venres a Compostela para explicar ante a prensa as razóns que levan a este grupo de rexedores e edís da provincia de Lugo a realizar un chamamento ao conxunto do país. "O que está en xogo", explica o alcalde monfortino, non é algo etéreo, senón servizos como o subministro da auga, o ferrocarril, a educación, a sanidade, a atención veterinaria ou a recadación de Facenda.
O Goberno central, sinala o alcalde de Pedrafita, tenta que estes pequenos municipios sexan os "paganos" da crise aínda que, abonda Rodríguez, os consistorios son os resposnables de, unicamente, o 3,4% do total da débeda do Estado. "Se a alguén hai que amosarlle tarxeta vermella non é aos concellos, porque xestionamos mellor", di o nacionalista, quen concorda con Raposo en que o Executivo de Mariano Rajoy prepara o "exterminio da administración local", especialmente lesivo para o rural.
"O futuro non pode pasar por organismos que non son votados directamente pola cidadanía"
Se a nova lei sae adiante, alertan, boa parte dos servizos que ata agora prestaban os concellos pasarán ás deputacións provinciais. E "o futuro", di Raposo, "non pode pasar por organismos que non son votados directamente pola cidadanía". Pódense incrementar exponencialmente, agregar Primitivo Iglesias, da Pastoriza, problemas como o que xa sofre o seu concello, ao que xa se lle retirou o servizo veterinario. Agora, di, os gandeiros e gandeiras teñen que facer viaxes duns trinta quilómetros, entre ida e volta, para realizar as consultas dos seus animais. Isto, apuntan, é só un exemplo do que vai vir, dado que ás empresas privadas que xestionen determinadas prestacións non lles vai compensar "percorrer 100 quilómetros dende a capital da provincia" para atender as demandas veciñais.
Pero, por que este chamamento á marxe da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)? Este grupo de alcaldes e alcaldesas "imaxina" que a Fegamp "escoitará" unhas demandas que, advirten, non son exclusivas de ningún partido político, se ben ningún rexedor do PP deu o paso á fronte, cando menos polo momento. "Non hai ningún interese" en realizar "un ataque político", salienta Iglesias, xa que a perda de servizos afecta a todos. "Todos temos os mesmos problemas, goberne quen goberne", advirten, e por iso reclaman "firmeza" na oposición ao proxecto gobernamental, dende dentro ou dende fóra da Fegamp.