O goberno de Santiago parapétase tras Zapatero ao ser forzado a falar das preferentes

Un intre do pleno sobre as preferentes CC-BY-SA Praza Pública

Debater sobre as preferentes non era prato de gusto para o goberno municipal compostelán. Durante seis meses, o gabinete dirixido por Ángel Currás (PP) resistiuse a convocar un pleno extraordinario para abordar a situación das persoas estafadas na comarca de Santiago. Finalmente, a solicitude formal dos dous grupos da oposición unidos non lle deixou máis saída legal ao alcalde que convocar unha sesión para as nove e media da mañá deste martes, na mesma xornada en que o Boletín Oficial do Estado (BOE) daba conta da quita definitiva que os afectados e afectadas van sufrir nos seus aforros, a xeito de responsables solidarios do rescate á entidade bancaria que lles meteu a man no peto. PSdeG e BNG pediron información, explicacións e compromiso. O PP, por boca da súa portavoz e do propio alcalde, optou por parapetarse tras o anterior Goberno central, o de José Luis Rodríguez Zapatero.

A sesión comezou e rematou coa voz dos afectados e afectadas, primeiro autorizados e despois, motu proprio. "Quitarlle o 70% dos cartos a unha persoa que aforrou tantos anos é moi triste", sinalou Eugenia Mariño, en representación de Adicae. "Estou chea de carraxe e de indignación, a maioría tiñamos os cartos das expropiacións para urbanizar; pagáronnos a 60 euros o metro cadrado, e fomos espoliados, antes dos nosos bens e despois, por se fose pouco, estafados pola banca", lamentou Carmen Gondelle, unha anciá á que Novagalicia lle "secuestrou" os 80.000 euros que obtivera pola súa casa expropiada, no barrio compostelán do Castiñeiriño. "Señor alcalde, parécelle que teño perfil de investidora, que me dedico á especulación? Non, verdade? Pois este é o perfil da maioría da xente afectada", subliñou, visiblemente emocionada.

"Señor alcalde, parécelle que teño perfil de investidora, que me dedico á especulación?", cuestionou unha anciá estafada

Mentres un grupo de afectados seguía a sesión por un circuíto pechado de televisión situado nun andar diferente ao do salón de plenos tomaba a palabra o terceiro voceiro, Xesús Domínguez, "agradecido" a PSdeG e BNG por propiciar a convocatoria do pleno. Quixo saber se o goberno local realizara as "xestións" ás que se comprometera, isto é, recabar datos sobre o número de afectados en Santiago e "instar a Xunta á non aplicación" da "lei que nos converteu en investidores sen nós querelo". Domínguez obtivo a solidariedade dos grupos da oposición e tamén do PP, pero non ningún dos datos que reclamara.

O PP culpa a PSdeG e BNG

A "insensibilidade" dos conservadores foi albo das críticas dos grupos da oposición. "A calquera dirixente do PP debéralle caer a cara de vergoña", subliñou Rubén Cela, do BNG, quen lembra que "as persoas que se manifestaron durante estes meses non son especuladores, non xogaron á ruleta financeira", senón que son "os nosos maiores, os nosos pais", que perderon "as herdanzas, os cartos das expropiacións" ou, simplemente, o resultado de "moitísimos anos de traballo" que foi "estafado polas entidades bancarias e agora expropiados polo Goberno", exercendo de "punta de lanza do capital financeiro especulativo español". "Témonos que posicionar ao lado das vítimas, non dos verdugos", instou.

"A calquera dirixente do PP debéralle caer a cara de vergoña", reprobou Rubén Cela (BNG)

"Un bo alcalde debe defender sempre os intereses dos seus cidadáns", agregou Francisco Reyes, do PSdeG, quen censura que o goberno municipal e o proio alcalde fixese "ouvidos xordos" ao problema, cun alcalde "que se puxo ás ordes do PP e das entidades financeiras". Todas estas críticas foron duramente respondidas pola voceira do PP, María Pardo, que en dúas intervencións en castelán fixo responsables da estafa en exclusiva aos "gobernantes e políticos mentireiros que negaron a crise e meteron a España nunha espiral de ruína e desesperanza". "Non veñan agora con panos quentes, con palmadas no mbro e camisolas de apoio" porque "os gobernantes do seu partido foron os máximos responsables da ruína das caixas". "Deberíalles caer a cara de vergoña a vostede, señor Cela, e a vostede, señor Reyes", sentenciou.

Obviando cuestións como o voto en contra de evitar a quita no Congreso dos Deputados Pardo realizou unha pechada defnesa da "vontade do PP de Galicia", "contundente na defensa dos estafados" e "esixindo en todos os ámbitos a recuperación do 100% dos seus aforros", mantivo. No mesmo sentido, ao remate da sesión o propio alcalde tomou a palabra para asegurar que está "de acordo" en qeu "se debe de recuperar a totalidade do investido". Pero PSdeG e BNG deben "sacar a careta" e mesmo "pedir desculpas" polas "lexislaturas do señor Zapatero".

"A próxima visita farémola en Teixeiro! Pokémon, Pokémon!, clamaban os afectados"

A posición dos populares acendeu aínda máis os ánimos dos preferentistas e do seu voceiro, que se ergueu de novo para lembrarlle a Currás que "dixo que nos ía dar datos". "Aínda non dispoñemos da información", repuxo o rexedor. Ante os edís, Xesús Domínguez expuxo que, ao contrario do que afirma o PP, a maioría das emisións de preferentes desenvolvéronse durante os mandatos de Fraga e Feijóo. Os concelleiros populares abandonaron o pleno e os da oposición aplaudiron. Nos baixos da casa do Concello o grupo do goberno era despedido entre berros dos afectados: "a próxima visita farémola en Teixeiro -en referencia ao cárcere-, Pokémon, Pokémon!", clamaban.

Un voceiro dos afectados diríxese a Currás CC-BY-SA Praza Pública
CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.